O Pleno da Deputación aproba o proxecto de mellora da mobilidade peonil na Travesía Dona Urraca de Caldas

A Deputación investirá 445.000 € nesta infraestrutura de 155 metros na que se atopan o cemiterio e a igrexa de Santa María, a Escola de Música e o futuro centro de saúde

27/01/2023

Pleno 27-01-2023

O Pleno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde por unanimidade á aprobación inicial do proxecto construtivo das obras que permitirán recuperar os espazos públicos e mellorar a mobilidade peonil na estrada provincial que transcorre pola Travesía Dona Urraca do concello de Caldas de Reis. O proxecto, que será financiado a través dun convenio xa aprobado, está dotado de 445.000 euros dos que a Deputación achega o 70% do orzamento (311.000 €) e o Concello o 30% restante (133.000 € que financiará con cargo ao Plan Concellos).

Na actualidade a vía, de carácter urbano e de soamente 155 metros de lonxitude, non cumpre as obrigas do estándar de calidade que a Deputación de Pontevedra busca na totalidade das súas infraestruturas viarias. As obras buscan poñer as persoas no centro, tendo moito en conta a localización desta rúa no trazado do Camiño de Santiago, polo tanto unha alta afluencia peonil. As obras repercutirán nunha mellora da seguridade de todos os tráficos, da accesibilidade á vía e tamén da súa estética. Na Travesía Dona Urraca atópanse ademais centros como a Escola de Música de Caldas, un flamante equipamento que foi tamén posible grazas ás achegas aprobadas pola Deputación a través do Plan de Reequilibrio, e o futuro centro médico.

As obras na EP-8005 permitirán garantir a seguridade do tránsito peonil ao crear unha zona de convivencia sobreelevada a 10 centímetros, con prioridade para as persoas, novos pavimentos e mobiliario urbano. A finalidade é dignificar a zona, que se atopa nunha contorna ateigada de elementos patrimoniais de alto nivel como son a igrexa de Santa María e o cemiterio parroquial. Delimitaranse claramente a circulación de cada tipo de tráfico ao crear itinerarios peonís, seguros para os colectivos vulnerables, e cun deseño comprensible, utilizable, practicable e con total seguridade e comodidade.

Tamén se realizarán variacións na rede de recollida de augas pluviais para adaptala ao novo deseño da rúa, melloraranse os servizos urbanos e acometerase unha nova rede de alumeado público con luminarias LED de alto rendemento. Ao remate das obras a estrada será transferida ao concello.