Deputación e Concello de Caldas arrancan a histórica transformación da travesía Dona Urraca

A presidenta provincial e o alcalde presentaron o convenio que dotará a EP-8005, de alto valor patrimonial e coincidente co Camiño Portugués, de prioridade peonil e seguridade viaria

20/12/2022

CALDAS TRAVESiA DONA URRACA

“A reforma da Travesía Dona Urraca é un agasallo que a Deputación de Pontevedra fai ao noso pobo, e estamos moi agradecidas e agradecidos”. Con estas palabras o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, definiu o proxecto de reforma da EP-8005 que permitirá actuar nesta vía, de só 155 metros de lonxitude, co obxectivo de recuperar os espazos para as persoas e mellorar a mobilidade e seguridade do tránsito peonil. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou co alcalde o convenio entre a Deputación e o concello co que ambas institucións afrontarán esta esperadísima actuación, que suporá unha mobilización de 445.000 euros de fondos provinciais: serán financiadas ao 70% pola Deputación (311.000 €) e ao 30% polo Concello (133.000 € con fondos do Plan Concellos).

Carmela Silva asegurou que “era unha obriga actuar nesta estrada provincial claramente urbana sen seguridade nin as garantías de mobilidade que cómpre esixir no século XXI”. O Concello de Caldas xa aprobou o convenio e a Deputación fará o mesmo esta semana en Xunta de Goberno, “temos todo pechado para, a partir do venres, comezar co proceso de licitación e contratación de forma inmediata, comezar as obras e que esta sexa unha vía totalmente diferente”. A estrada estará dotada de seguridade, “coas persoas no centro da actuación e non os vehículos, xa que por aquí transcorre o Camiño de Santiago e ten moita afluencia de persoas”, sinalou a presidenta, que asegurou que a obra permitirá a mellora “tanto de seguridade como esteticamente” xa que “cando unha infraestrutura está pensada para as persoas e está feita con calidade urbana, todo o que se atopa na súa contorna chama moito máis á atención”, afirmou.

Carmela Silva sinalou que “a Deputación ten feito ao longo de todos estes anos moitos investimentos, como nunca antes, porque consideramos que é unha obriga garantir dereitos e servizos en todos os concellos, construíndo equipamentos e dotacións como esta”, en relación á Escola de Música de Caldas, onde tivo lugar a presentación do convenio. Este flamante equipamento situado na Travesía Dona Urraca foi tamén posible grazas ás achegas aprobadas pola Deputación, a través do Plan de Reequilibrio. “É unha das escolas de música municipais máis fermosas e mellor dotadas de Galicia”, asegurou a presidenta. “Caldas”, afirmou, “é un lugar moi relevante da provincia e está a ter unha gran transformación a nivel urbano e de calidade de vida. Iso é así porque ten un alcalde que sempre está solicitando proxectos, que a Deputación estuda con moito cariño para que se convertan en realidade”. “Queda moito por facer e seguiremos facendo moitas cousas”.

Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, asegurou que “é unha gran satisfacción falar do arranque dunha obra á que lle tiñamos moitísimas ganas, que por fin está desencallada e axiña imos ver resolta”. O rexedor asegurou que “o proxecto nesta rúa ten a vantaxe de resolver máis dun problema: de circulación, de accesibilidade e de embelecemento urbano”, e lembrou que “vai converterse nunha nova centralidade” xa que “no futuro esta travesía contará co centro médico”, cuxo acceso será facilitado grazas á actuación da Deputación e o Concello. “Grazas á Deputación estamos sacando adiante e poñendo este barrio no mapa”, asegurou Rey, que salientou o feito de que a Escola de Música de Caldas estea situada “sobre unha finca, adquirida con fondos do Plan Concellos, que no seu día fora propiedade da Deputación de Pontevedra”.

As obras mellorarán a seguridade viaria e porán en valor a igrexa de Santa María

As obras na EP-8005 permitirán garantir a seguridade do tránsito peonil ao crear unha zona de convivencia sobreelevada a 10 centímetros, con prioridade para as persoas, novos pavimentos (con lastros prefabricados de formigón e lousas de pedra) e mobiliario urbano. A finalidade é dignificar a zona, que se atopa nunha contorna ateigada de elementos patrimoniais de alto nivel, como son a igrexa de Santa María e o cemiterio parroquial. Trátase dunha zona cun elevado tránsito peonil, xa que ademais destes equipamentos a estrada tamén coincide cun tramo do Camiño Portugués. Grazas a esta actuación serán prioridade as persoas, ao delimitar claramente a circulación de cada tipo de tráfico. Crearanse itinerarios peonís seguros para os colectivos vulnerables e dotarase dun deseño comprensible, utilizable e practicable, con total seguridade e comodidade.

Ademais, realizaranse variacións na rede de recollida de augas pluviais para adaptala ao novo deseño da rúa. Tamén se mellorarán os servizos urbanos e dotarase dunha nova rede de alumeado público con luminarias LED de alto rendemento. Ao remate das obras, por solicitude do Concello de Caldas, a estrada (de soamente 155 metros) será transferida ao concello.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.