Arranca o programa “Depo_Auga”, co que a Deputación oferta esta fin de semana actividades de pádel surf e caiac en Combarro e a Illa de Tambo

O luns, 19 de xuño, ábrese o prazo de inscrición para a segunda das actividades, que terá lugar os días 15 e 16 de xullo na desembocadura do Río Verdugo e as Salinas de Ulló

15/06/2023

O programa “Depo_Auga”, co que a Deputación oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, arranca esta fin de semana coa súa andaina en Poio.  As actividades, que terán lugar o sábado 17 e o domingo 18 de xuño en Combarro e na Illa de Tambo, esgotaron as 32 prazas ofertadas en menos de dúas horas.

A primeira das “Depo_Auga” terá saída da praia da Canteira, en Poio en dúas quendas por día, de 15.00 a 16.30 horas e de 16.30 a 18.00 horas o sábado 17 e de 15.30 a 17.00 e de 17.00 a 18.30 horas o domingo 18. Durante a actividade percorrerase unha distancia aproximada de 5 quilómetros, visualizando distintas paisaxes da ría de Pontevedra, como a paradisíaca praia da Area na Illa de Tambo, o porto deportivo de Combarro, a fachada costeira da vila cos seus múltiples hórreos e cruceiros, ou a praia do Padrón.

Depo_Auga” contempla outras dúas actividades que se desenvolverán xa ao longo do mes de xullo. A segunda, tras Combarro e a Illa de Tambo, será pola desembocadura do Río Verdugo e as Salinas de Ulló, en Vilaboa, os días 15 e 16 de xullo, e a terceira e última terá lugar en Cesantes e a Illa de San Simón, en Redondela, os días 29 e 30 de xullo. Para a segunda “Depo Auga” a institución provincial abrirá o prazo de inscrición este luns, 19 de xuño, e para a terceira o día 17 de xullo. En cada unha das actividades haberá dispoñibles 32 prazas, 16 para cada día, e poderán participar persoas maiores de 18 anos ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

O programa “Depo_Auga” enmárcase en “Depo Actívate”, o calendario de actividades deportivas que organiza a Deputación entre este mes e outubro para dinamizar, fomentar e promover o deporte, así como transmitir valores e hábitos saudables a través da actividade física.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.