A exposición “Yo decido” de ASPACE chega ao Pazo provincial da Deputación con catro historias sobre a parálise cerebral

19/05/2023

Carmela Silva

O Pazo provincial da Deputación acolle desde hoxe a exposición da Confederación ASPACE “Yo decido”, que se poderá visitar ata o vindeiro 28 de maio no vestíbulo principal do edificio. A mostra, que consta de 22 imaxes da fotógrafa Leticia Hueda e xorde co obxectivo de achegar a realidade da parálise cerebral á sociedade, conta catro historias de persoas con parálise que van tomando decisións que as leva a vivir unha vida independente. A deputada provincial Olga García e a presidenta da Federación ASPACE Galicia, Concepción Somoza Torres, acompañadas dun grupos de persoas usuarias de Amencer-Aspace e doutros e doutras deputados e deputadas provinciais, veñen de visitar a exposición, na que se pode observar a Ana nunha xornada de compras, a Sebas ao recibir as notas finais na universidade e a súa celebración coas súas amizades, a Ana Belén na súa residencia xunto coa súa parella e compañeiras/os, e a Rodrigo nunha xornada laboral na axencia de emprego do Concello de Madrid.

A exposición, que conta coa colaboración da Fundación Sacyr, do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e da Fundación ONCE, leva viaxando desde que comezou 2023 e despois de pasar por cidades como Vigo, A Coruña, Bilbao, Huesca ou Pamplona, chegará ao longo de todo o ano a outras vilas da xeografía española, para rematar o seu percorrido en Madrid do 18 ao 26 de decembro na Fundación Pons en Madrid. ASPACE organiza cada ano esta exposición de fotografía itinerante con distinta temática e imaxes, co fin de lograr unha maior visibilidade do colectivo da parálise cerebral na sociedade.