A Deputación recomenda incrementar as revisións periódicas das viñas ante a climatoloxía inestable dos próximos días
A Estación Fitopatolóxica do Areeiro lembra que deben vixiarse especialmente as zonas onde o mildio adoita causar maiores problemas, que será onde máis probablemente se concentren as primeiras infeccións
12/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar un novo aviso fitosanitario do persoal da Estación Fitopatolóxica do Areeiro no que, despois das altas temperaturas dos últimos días e ante a previsión dunha climatoloxía inestable nos próximos, recomendan incrementar as revisións periódicas para detectar o mildio das viñas, fixándose moi ben en todas as follas ben desenvolvidas por se aparece a primeira mancha. Pola contra, se non se realizan seguimentos, o consello pasa por intervir cun funxicida sistémico antes do inicio das precipitacións, en especial se nas viñas a maioría dos gromos teñen follas de máis de 4-5 centímetros de diámetro.
En liñas xerais, a pesar das temperaturas altas e a humidade da pasada fin de semana, o persoal técnico de Areeiro non detectou unha variación significativa do crecemento dos gromos da viña. A nivel de fenoloxía, só nalgunhas vides máis adiantadas de moitas parcelas comprobaron que o estado estaba a avanzar a acios separados, aínda que case todas permanecían en acios visibles, quedando aínda plantas nas que só se está a incrementar o número de follas abertas.
No caso específico do mildio, durante algúns dos últimos días houbo condicións favorables á enfermidade, e incrementouse o número de esporanxios recollidos por Areeiro en diferentes parcelas. De feito, o cálculo actual é que, actualmente, a incubación da infección primaria tanto no Salnés como en Pontevedra está arredor do 65-70% (e, en teoría, a mancha aparecería na contorna do 100%). De feito, esta semana non se observaron aínda os primeiros síntomas da enfermidade. Dentro das recomendacións ante o mildio, o persoal de Areeiro recomenda vixiar especialmente as zonas nas que este causa habitualmente maiores problemas, pois é máis probable que nelas se concentren as primeiras infeccións.
En canto a outros parasitos da viña, tan só se detectou a abundancia de caracois nalgúns predios, o que concorda co descrito na pasada semana. Ademais, o persoal de Areeiro aconsella non descoidar os labores de roza da vexetación nin a eliminación das plantas mortas na súa totalidade, algo imprescindible nas zonas afectadas pola flavescencia dourada.
No que respecta a outros cultivos, e ante a as condicións meteorolóxicas previstas, Areeiro recomenda incrementar a vixilancia ante o moteado nas maceiras, en especial nas variedades máis sensibles. Unha vixilancia que recomendan tamén no relativo á bolboreta do buxo, se ben esta semana non se observaron variacións na presenza de eirugas activas, que seguen a ser bastante esporádicas.
