A Deputación aconsella extremar a vixilancia ante o posible avance do mildio e do oídio polas precipitacións da fin de semana

A Estación Fitopatolóxica do Areeiro recomenda actuar con funxicidas no caso de novas infeccións ou da reactivación das xa controladas

19/07/2025

aviso fitosanitario

A Deputación de Pontevedra, a través do novo aviso fitosanitario do persoal técnico da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, alerta que a baixada das temperaturas e as choivas desta fin de semana poden impulsar o desenvolvemento de novas infeccións de mildio e oídio ou reactivar as que se atopan controladas. Neste momento no que os acios aínda non entraron na fase de pintado e que existen esporanxios no ambiente, ante calquera síntoma é convinte aplicar funxicidas para evitar a redución dunha colleita que se prevé moi boa.

O persoal de Areeiro segue a notar un bo desenvolvemento das uvas, de xeito que algúns acios de variedades tintas comezan o pintado e algúns grans de acios dunha variedade branca temperá, expostos á luz solar, amosan xa brillo. Con todo e ante esta climatoloxía, aconsella manter a vixilancia, pois un ataque mal controlado implicaría tamén a rotura da pel dos grans e a entrada de botrite. Tamén continúan aparecendo plantas que manifestan síntomas de patóxenos da madeira debido ás pasadas temperaturas extremadas, que é necesario marcar para observar a súa evolución ou eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fonte de contaminación. No relativo ao black rot, a previsión é máis positiva e non existe presenza da enfermidade, polo que neste período da campaña xa non debería causar danos nas viñas.

Por outra banda, no caso das avelaíñas do acio, as capturas de machos de Lobesia botrana seguen sendo moi escasas. Máis notable é a incidencia de acariose nos predios, que nunha fase máis inicial do ataque os seus síntomas poden ser confundidos cos de trips ou con algunhas viroses, así que é preciso prestar moita atención ante calquera cambio. En canto aos cicadelidos, estamos xa dentro do período para aplicar o segundo tratamento obrigatorio dentro do plan de control e erradicación da flavescencia dourada. Tamén é imprescindible destruír, canto antes, todas as plantas confirmadas como positivas e sintomáticas.

O aviso fitosanitario inclúe así mesmo observacións sobre a nogueira, xa que se capturaron os primeiros adultos de mosca da casca, rhagoletis completa, que pode levar á perda da colleita. Para o control desta praga, ademais das trampas de feromonas de seguimento, e aconsellable eliminar as noces caídas e estender no terreo baixo a copa unha lona tupida que impida que as larvas se enterren no solo para pasar o inverno. Así mesmo, atopáronse parásitos animais e fungos de podremia en varias froiteiras, recomendando a retirada dos exemplares danados, e o primeiro exemplar de procesionaria no caso do piñeiro.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.