A Deputación concede axudas a medio cento de mulleres da provincia por valor de 18.000 euros para impulsar a súa formación como adestradoras, xuízas e árbitras

Son profesionais dunha vintena de concellos da provincia vinculadas a deportes como o piragüismo, a ximnasia, o fútbol, o baloncesto ou o ciclismo, entre outros

28/12/2023

Un total de 46 mulleres da provincia recibirán este ano as axudas da Deputación de Pontevedra para a súa formación como técnicas adestradoras, xuízas ou árbitras en distintas modalidades deportivas. En total, son 18.098 euros que buscan paliar a escasa presenza feminina nestes ámbitos, sufragando os gastos de matrícula dos títulos oficiais, impartidos polas federacións deportivas autonómicas ou estatais ou nos centros de ensinanzas deportivas de réxime especial, que dan acceso a estes postos.

Máis polo miúdo, as 46 mulleres que reciben as axudas son de 19 concellos da provincia, a maior parte de Pontevedra (10) e Vigo (9), aínda que destacan tamén as de Poio (5), O Porriño (3), Tomiño (3), Cambados (2) ou Vilagarcía de Arousa (2). Outras solicitudes son de veciñas de Marín, Moraña, Nigrán, O Grove, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Valga e Vilaboa. En total, cada unha delas recibe entre 60 e 600 euros de axuda para facer fronte aos gastos dos diferentes cursos de formación.

No que atinxe ás modalidades deportivas, as peticións foron para cursos de formación de piragüismo, fútbol, baloncesto, ximnasia, natación, ciclismo, vela, surf, balonmán, patinaxe, karate ou montañismo.