A Deputación estende a xuízas e árbitras as axudas para impulsar que máis mulleres accedan a postos técnicos no deporte

Por primeira vez, a institución provincial cubrirá o 100 % da matrícula. Ata o de agora esta liña de apoios, enfocada a incrementar a presenza feminina en todas as disciplinas e ámbitos deportivos, financiáballes exclusivamente os estudos ás adestradoras e técnicas

26/09/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de convocar as axudas para a formación de mulleres en postos técnicos deportivos na provincia, ás que se incorporan xuízas e árbitras. Ata o de agora esta liña de apoios, enfocada a incrementar a presenza de feminina en todas as disciplinas e ámbitos deportivos, nos equipos tanto de base como de elite, financiáballes exclusivamente os estudos ás adestradoras e técnicas.

Por primeira vez, a institución provincial cubrirá o 100 % da matrícula, ata un máximo de 600 euros (un 20 % máis que en 2022). As mulleres interesadas en beneficiarse desta iniciativa, dotada con 25.000 euros, teñen de prazo desde este mércores 27 de setembro ata o 30 de novembro para solicitalas, preferentemente a través da Sede electrónica da Deputación. A convocatoria sufragará os gastos de matrícula dos títulos oficiais que dan acceso aos postos de adestradora, técnica, xuíza ou árbitra nas diferentes modalidades.

Os estudos deben impartilos as federacións deportivas autonómicas ou estatais ou os centros de ensinanzas deportivas de réxime especial, iniciados en 2023 e rematados ou ben este ano ou o ano lectivo 2023/2024. Ademais, para poder acceder ás axudas as interesadas deben ter nacido na provincia ou ser residentes desde o 1 de xaneiro deste ano.

Na actualidade, unicamente o 10 % dos postos técnicos ou profesionais vinculados co deporte son ocupados por mulleres. A través destas axudas a estudos, a Deputación busca que máis mulleres poidan ocupar altos cargos de decisión en organizacións deportivas.