A Deputación formará a 50 persoas maiores de 5 concellos para loitar contra a fenda dixital e a soidade non desexada no rural

O prazo para presentar as solicitudes para participar nesta formación dixital que terá lugar nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña estará aberto do 19 de decembro ao 31 de xaneiro

11/12/2023

Rolda de prensa de Luis López

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) recolle hoxe as bases para seleccionar o alumnado e os “influencers” para participar nos cursos do “Hub para a loita contra a fenda dixital e a soidade non desexada no medio rural”. O proxecto, que a Deputación de Pontevedra ten en marcha nos concellos da Illa de Arousa, As Neves, Cuntis, Forcarei e Moraña, inclúe unha formación destinada a maiores de 50 anos e busca capacitalos en competencias dixitais, co fin de que poidan tamén xerar contidos audiovisuais e facilitar as súas relacións coas administracións públicas e a alfabetización dixital. Segundo informou o presidente da Deputación, Luis López, o alumnado e “influencers” interesado en participar no programa poderá presentar as súas solicitudes entre os días 19 de decembro e 31 de xaneiro, ambos os dous incluídos.

En canto ao alumnado deberá ter nacido antes de 1973 ou acreditar discapacidade, prestar servizos de axuda a domicilio ou ter a condición de persoa coidadora con maiores a cargo, sempre que sexan maiores de 18 anos. Por outra banda, as e os “influencers” (persoas destacadas a nivel municipal e con capacidade de mobilización e influencia sobre outras grazas á demostración en primeira persoa dos beneficios que lles pode reportar o uso de ferramentas sociais) deben ser maiores de 18 anos e estar empadroadas nalgún dos concellos participantes.

Unha vez seleccionadas as e os participantes, que serán 50 en cada concello, desenvolveranse sete accións formativas que versarán sobre a Administración electrónica, o Sergas online, a banda móbil, as redes sociais ou a creación de vídeos. Cada acción formativa terá unha duración de 5 horas e ao final delas haberá un servizo de titorías, dun mínimo de 20 horas, co fin de que o alumnado adquira axilidade, destreza e desenvoltura no uso das ferramentas dixitais e poida formular dúbidas sobre os coñecementos adquiridos.

Ligazóns de interese

videos

audios