Budiño ofrece un concerto este luns en Sanxenxo ao abeiro do programa da Deputación Musigal

A actuación do músico galego terá lugar ás 22:00 horas na praza de Fonte de Ramos

23/07/2023

O Concello de Sanxenxo é a vindeira parada do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia. Deste xeito, a praza de Fonte de Ramos do municipio acollerá este luns 24 de xullo ás 22:00 horas o concerto do gaiteiro Budiño.

O músico galego, que goza dunha ampla traxectoria profesional, destaca polo seu estilo propio inspirado no folclore. Ten actuado xa por diferentes países cos seus espectáculos, recoñecidos pola crítica e con premios de prestixio. Coa vangarda e a música tradicional como pilares, nesta actuación incorporará un formato máis innovador de banda, incorporando voces femininas, electrónica e tendo a percusión tradicional e a gaita como grandes protagonistas do espectáculo, que incluirá vídeo creación en directo como acompañamento.

Neste 2023, o artista está a avanzar o seu novo disco,  Branca vela, o oitavo da súa carreira, a través de concertos que recollen a súa esencia tradicional xunto coa creación musical vangardista que o caracteriza. Muiñeira da Lúa foi o primeiro tema presentado deste traballo, no que teñen colaborado artistas como Leilía, Guadi Galego, De Vacas, Diego Cabaleiro, Tania Caamaño, amais do Coro infantil de Xacarandaina.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.