Anxo Lorenzo leva a música tradicional galega e irlandesa a Fornelos de Montes ao abeiro do programa da Deputación Musigal

A actuación terá lugar este sábado 5 de agosto na praia fluvial de Portovilán ás 21:30 horas

04/08/2023

Anxo Lorenzo ofrecerá este sábado 5 de agosto, ás 21:30 horas, un concerto na praia fluvial de Portovilán, en Fornelos de Montes, ao abeiro da programación do XXII Festival Folk No Río. É unha das actuacións do programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua.

Anxo Lorenzo (Moaña, 1974) é músico e gaiteiro que participou desde moi novo en formación tradicionais viguesas como Xarabal e Lembranzas Galegas, aínda que apuntou a súa formación cara ao folk coa formación da banda Spiritu 986. Posteriomente pasou a liderar o seu propio proxecto, xunto ao violinista irlandés Eoghan Neff e ao portugués Luís Piexoto, co que publicou os álbumes ‘Tirán’ (2010) e ‘Confuxon’ (2015).

Como solista e compositor ten pisado os escenarios dos festivais máis importantes do mundo celta, como o Intercéltico de Lorient, o Festival do Mundo Celta de Ortigueira, o Intercéltico do Morrazo, o Folkherbst de Alemaña ou o William Kennedy Internacional Festival Piping, realizando tamén xiras por distintos países europeos e americanos. Ao longo da súa traxectoria recibiu varios galardóns do mundo da gaita como o segundo posto no premio Macallan do Intercéltico de Lorient en 1995. Este sábado no Folk No Río compartirá escenario con artistas como Sin Son e a Banda de Gaitas do Concello de Fornelos.

 

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.