Luisa Sánchez reivindica a remuda xeracional como unha oportunidade para emprender durante a presentación da nova campaña provincial de comercio na sede de Vigo
A Deputación de Pontevedra apoia a iniciativa da federación provincial, que leva por lema “O relevo tamén é unha vitoria” e ten a Susana Rodríguez Gacio como imaxe
20/10/2026
A Deputación de Pontevedra colabora coa Federación de Comercio da provincia de Pontevedra e coa Xunta de Galicia na nova campaña de promoción do comercio local, que este ano leva por lema “O relevo tamén é unha vitoria” e pon o foco na importancia da remuda xeracional para garantir a continuidade dos negocios de proximidade.
A presentación tivo lugar este martes na sede da Deputación en Vigo, nun acto no que participou a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, xunto co presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; o director xeral de Comercio, Gabriel Alén, e a protagonista da campaña, a deportista Susana Rodríguez Gacio.
Esta nova edición dá continuidade á iniciativa coa incorporación da triatleta viguesa como imaxe da campaña, tomando a testemuña do adestrador do Celta, Claudio Giráldez. Bicampioa paralímpica de triatlón en Toquio 2020 e París 2024, oito veces campioa do mundo de paratriatlón e sete veces campioa de Europa, Susana Rodríguez Gacio foi elixida para trasladar a mensaxe de que apoiar o comercio local supón tamén apostar polo talento de casa. Ademais, ela creceu vendo ao seu pai exercer a medicina e decidiu seguir ese camiño. Actualmente, exerce no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Luisa Sánchez sinalou que o relevo xeracional é un dos grandes retos do comercio de proximidade e chamou a cambiar a perspectiva coa que se afronta o peche de locais sen continuidade. “Non basta con lamentar o peche dos negocios cando xa baixaron a persiana. Temos que axudar a que existan alternativas antes de que chegue ese momento”, afirmou.
A vicepresidenta puxo como exemplo varios establecementos emblemáticos de Vigo que pecharon este ano, como a Xoiaría Penin, aberta en 1941 na rúa Pizarro, ou a Libraría Jenaro, que iniciou a súa actividade en 1987 no Calvario. Fronte á “nostalxia que provocan estes peches”, Luisa Sánchez propuxo mirar cara ao futuro e considerar a continuidade dun comercio como unha alternativa para as persoas novas que queiran emprender. “Facerse cargo dun establecemento xa existente permite iniciar un proxecto profesional aproveitando unha traxectoria, unha clientela e un coñecemento do oficio que xa están aí”, explicou.
Neste sentido, a vicepresidenta reivindicou o papel das administracións á hora de facilitar o emprendemento e apoiar o comercio de proximidade. A campaña, segundo afondou, contribúe a dar visibilidade a esta realidade e a lembrar que o futuro dos negocios locais tamén depende de que haxa persoas dispostas a tomar a testemuña.
Luisa Sánchez amosouse convencida de que a campaña terá unha boa acollida, como sucedeu coa edición anterior, e expresou o desexo de que contribúa a que máis persoas descubran no comercio unha oportunidade profesional e a que os comerciantes que pensan en xubilarse atopen alternativas para dar continuidade ao traballo de toda unha vida.