Luisa Sánchez salienta o “valor diferencial” do comercio de proximidade durante a entrega do premio ‘Ilumina o Teu Escaparate’ en Vigo Centro

22/02/2026

Luisa Sánchez salienta o “valor diferencial” do comercio de proximidade durante a entrega do premio ‘Ilumina o Teu Escaparate’ en Vigo Centro

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, entregou ao establecemento Ibéricos A Veiga o diploma e a placa que o acreditan como gañador do premio ‘Ilumina o Teu Escaparate’ entre os comercios da Asociación Vigo Centro. A representante provincial recoñeceu o “valor diferencial” que achegan os locais de proximidade, tanto na súa atención diaria á clientela como na dinamización dos barrios con iniciativas como esta, na que participaron máis de 110 negocios.

Luisa Sánchez recordou que a sede viguesa da Deputación acolleu un curso gratuíto de escaparatismo, decoración, atención ao cliente e redes sociais vencellado a este certame impulsado pola Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia e a Federación de Comercio da provincia de Pontevedra para activar o consumo dos establecementos da cidade durante o Nadal. Ademais, salientou o labor que están a desenvolver as dúas institucións da man do sector. “Só hai dúas administracións públicas apoiando de verdade ao comercio local en Vigo”, apuntou.