Luisa Sánchez reivindica a remuda xeracional no comercio local como unha forma de atopar solucións ante os retos

A Deputación de Pontevedra apoia a nova campaña da Federación de Comercio de Pontevedra, que vén de presentar a peza audiovisual “A remuda tamén é unha vitoria”

18/11/2026

Luisa Sánchez reivindica a remuda xeracional no comercio local como unha forma de atopar solucións ante os retos

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, reivindicou este mércores a remuda xeracional como unha forma de atopar solucións ante os retos e problemas que xorden ao longo da vida persoal e profesional. Neste sentido, apuntou á oportunidade que pode supoñer o peche dun negocio para impulsar novos proxectos empresariais e garantir a continuidade dos establecementos de proximidade.

Fíxoo durante a presentación da campaña provincial de promoción do comercio local impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra coa colaboración da Deputación e da Xunta de Galicia baixo o lema “A remuda tamén é unha vitoria”. No acto, celebrado na sede da institución provincial en Vigo, proxectouse por primeira vez a peza audiovisual que promocionará a campaña deste ano, coa imaxe da viguesa Susana Rodríguez Gacio, campioa paralímpica e mundial de tríatlon.

Na presentación participaron tamén o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González; o director xeral de Comercio, Gabriel Alén; a delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz; e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias.

Durante a súa intervención, Luisa Sánchez sinalou que a remuda xeracional “é unha vitoria porque consiste en transformar un problema nunha solución, en que un peche se converta nunha oportunidade para que, por exemplo, un mozo poida emprender”.

A vicepresidenta incidiu tamén na necesidade de que as administracións públicas manteñan unha actitude proactiva á hora de afrontar os atrancos. “É unha máxima que trato de aplicar no meu día a día, tamén na miña actividade institucional. Ás veces atopamos representantes que crean problemas de xeito constante. Eu penso que non hai que xeralos, senón que hai que poñer solucións cando xorden”, engadiu.

A elección de Susana Rodríguez Gacio

A nova edición da campaña dá continuidade á iniciativa do pasado ano e incorpora como imaxe á triatleta viguesa Susana Rodríguez Gacio, que toma a testemuña do adestrador do Celta, Claudio Giráldez. Bicampioa paralímpica de tríatlon en Toquio 2020 e París 2024, oito veces campioa do mundo de paratriatlón e sete veces campioa de Europa, Rodríguez Gacio representa o talento e a capacidade de superación que tamén se queren asociar ao comercio de proximidade.

Ademais, a deportista medrou vendo exercer a medicina ao seu pai e decidiu seguir os seus pasos. Actualmente, traballa no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Luisa Sánchez amosouse convencida de que a campaña terá unha boa acollida e expresou o desexo de que contribúa a que máis persoas vexan no comercio local unha ocasión para emprender e a que os establecementos que afrontan o momento da xubilación poidan atopar quen tome o relevo.

Galerias de imaxes