A Deputación ultima o prazo para presentar candidaturas aos premios Mulleres no Foco para recoñecer o talento feminino no sector audiovisual

Ata o 22 de setembro poderán facer as súas propostas entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego relacionadas co sector audiovisual

17/09/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo ata o vindeiro luns 22 de setembro para que entidades locais, culturais ou profesionais de ámbito galego relacionadas co sector audiovisual poidan propoñer candidaturas á nova edición dos premios Mulleres no Foco, promovidos pola Deputación de Pontevedra en colaboración coa Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA). Uns galardóns que teñen por obxectivo poñer en valor o traballo das profesionais galegas no audiovisual co fin de mudar as cifras de infrarrepresentación actuais das mulleres do sector.

Os premios, que se entregarán nunha gala que terá lugar antes de que remate o ano, recoñecen a achega destacada de mulleres profesionais no audiovisual galego, preferentemente a través dunha obra realizada e presentada ou dun labor profesional especialmente salientable levado a cabo durante o ano 2024, ou tamén a súa traxectoria profesional consolidada.

En total entregaranse tres galardóns, cunha dotación económica total de 15.000 euros (5.000 euros cada un), a tres mulleres que se sumarán a Lidia Fraga, Nati Juncal e Jaione Camborda, galardoadas no 2024; a Marina Carballal, María Vázquez e Beli Martínez, no 2023; Chelo Loureiro, Paula Cons e Lucía Catoira, no 2022; e Margarita Ledo, Noemí Chantada e Sonia Méndez, no 2021.

 

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.