A Deputación leva este venres ata O Rosal e Oia a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

Trátase dunha actividade organizada pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas que se desenvolverá no Auditorio municipal do Rosal ás 10:00 horas e no CEIP Mestre Manuel García de Oia ás 12:00 horas

09/07/2025

A Deputación de Pontevedra leva este venres, 11 de xullo, ata O Rosal e Oia a xeira de contacontos 'Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas' organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas. A actividade terá lugar ás 10:00 horas no Auditorio municipal do Rosal e ás 12:00 horas no CEIP Mestre Manuel García de Oia, e continuará ao longo deste mes de xullo ata completar as 35 citas programadas destes obradoiros nos concellos da provincia.

Con esta actividade, a Deputación ten por obxectivo divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Deste xeito, os obradoiros percorren a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Durante a actividade tamén se interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e concluirá cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Despois de visitar O Rosal e Oia este venres, tras pasar o xoves polo Grove e percorrer xa Vila de Cruces, Barro, Bueu, Vilanova de Arousa, Moaña, Cerdedo-Cotobade, As Neves, Tomiño, Catoira, Poio, Redondela, Mos, Salvaterra de Miño, Ponteareas, Portas, Vilagarcía de Arousa, O Porriño e Gondomar, "Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas" chegará neste mes de xullo ata Cuntis, Pazos de Borbén, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia, Vilaboa, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas, Soutomaior, Mondariz-Balneario e Pontecesures.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 6 resultados.