O ciclo teatral da Deputación chega este domingo a Meis coa obra De algo hai que morrer, da compañía Malasombra

A posta en escena desta peza teatral terá lugar ás 19:00 horas no auditorio municipal, con entrada libre ata completar a capacidade

11/11/2023

O auditorio municipal de Meis acollerá este domingo 12 de novembro a función De algo hai que morrer, a cargo da compañía Malasombra, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación dará comezo ás 19:00 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

Dirixida ao público mozo e adulto, De algo hai que morrer é un espectáculo de humor no que, a través dun diálogo “fúnebre, cómico e teatral”, dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre este tema que afecta ao cento por cento da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición social: a morte.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vailles achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.