O ciclo teatral da Deputación chega este domingo 19 a Catoira e a Portas con dúas obras con entrada libre ata completar a capacidade

A representación en Catoira, Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, a cargo da compañía Olivas Negras, terá lugar ás 19:00 horas no auditorio municipal

19/11/2023

Os concellos de Catoira e Portas acollerán este domingo ás 19:00 horas dúas representacións teatrais enmarcadas no ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia. A representación en Catoira, Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, a cargo da compañía Olivas Negras, terá lugar no auditorio municipal. Pola súa banda, en Portas porase en escena Feminísimas, de Ste Xeito Producións, no Auditorio Azucreira. A entrada, para ambas as obras teatrais, é libre ata completar a capacidade.

Doce uvas, dúas mulleres e unha oliva, dirixida por Mirian Bañobre e protagonizada por Sonsoles Cordón e Cecilia Vázquez, sitúa a acción en Fin de Ano. En escena, dúas actrices, dúas mulleres nas que reflectirse a través das súas fraquezas e virtudes. A compañía define a peza como “unha historia de autosuperación e apoderamento feminino”, un espectáculo en clave cómico-subversiva, no que as e os espectadores terán tamén ocasión de observarse e viaxar coas protagonistas na procura duns soños tan anhelados como a última oliva do prato. A obra está dirixida ao público mozo e adulto.

Pola súa banda, Feminísimas é, en palabras da compañía, “unha comedia negra... moi violeta”. Dirixida ao público mozo e adulto, sitúa a acción nun congreso feminista na cidade de Vigo no que coinciden tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven e que teñen maneiras ben distintas de entender o feminismo. Este é o punto de partida desta creación colectiva de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira, unha peza teatral con altas doses de humor e ironía para poñer a amizade a proba mentres analiza en clave de comedia de que maneira as mulleres con-viven “neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas”. Un espazo que tamén reflexiona sobre a amizade e a súa relación coa ideoloxía.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegarlles, entre outubro e decembro, un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.