Caldas acolle este mércores 11 a proxección do filme “Código emperador” no marco do Ciclo Mestre Mateo

O auditorio municipal acollerá ás 20:30 horas a proxección desta película de suspense dirixida por Jorge Coira e protagonizada por Luis Tosar

09/10/2023

O auditorio municipal de Caldas de Reis acolle este mércores 11 de outubro a proxección da película Código emperador, ao abeiro da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación de Pontevedra para achegarlles as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. A sesión do filme dirixido por Jorge Coira comezará ás 20:30 horas.

Esta película de suspense foi finalista aos Premios Mestre Mateo nas categorías de mellor longametraxe, dirección, dirección de produción, mellor interpretación masculina protagonista e de elenco, maquillaxe e peiteado, montaxe, música orixinal e mellor son. Nel, o actor Luis Tosar, que encabeza o elenco xunto con Alexandra Masangkay, Georgina Amorós, Denis Gómez, Miguel Rellán e María Botto, ponse na pel de Juan, un axente que traballa para os servizos secretos. Co fin de ter acceso ao chalé dunha parella implicada no tráfico de armas achégase a Wendy, a asistenta filipina que vive na casa e establece con ela unha relación cada vez máis complexa. En paralelo, Juan realiza outros traballos “non oficiais” para protexer os intereses das elites máis poderosas do país, que teñen a vista posta en Ángel, un político cuxos trapos sucios deberá buscar ou “inventar” coa axuda de Marta, a filla dun recoñecido actor.

Ademais de en Caldas de Reis, os outros concellos nos que recala esta segunda edición do Ciclo Mestre Mateo son Baiona, A Estrada, O Grove e A Guarda. Estes municipios están a exhibir unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas, respectivamente, como mellor documental, mellor longametraxe de animación e mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo. O resto de títulos do programa son, ademais de  Código emperador, o filme Live is Life, de Dani de la Torre e con guión de Albert Espinosa, así como os documentais A Foreign Song (César Souto, 2022), gañador dos premios á mellor longametraxe española e mellor dirección española no Festival Internacional de Cine de Xixón; Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) e No somos nada (Javier Corcuera, 2022). Tamén o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á Mellor Longametraxe de Animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.