A Deputación achega á Guarda o ciclo Mulleres de Palabra(s) coas novas voces literarias da provincia
A Casa dos Alonso acolle unha conversa conducida pola xornalista Susana Pedreira e na que participarán as escritoras Lara Dopazo, Andrea Fernández Plata e Guada Guerra
17/04/2025
A Deputación de Pontevedra leva o vindeiro martes 22 de abril o ciclo Mulleres de Palabra(s), co que busca poñer o foco nas escritoras e nas palabras a través das que contan o mundo con perspectiva de xénero, á Guarda. Concretamente, a Casa dos Alonso acollerá ás 20:00 horas o encontro "As novas voces da provincia", que incluirá unha lectura e conversa conducida pola xornalista Susana Pedreira e coa participación das escritoras Lara Dopazo, Andrea Fernández Plata e Guada Guerra, nun acto no que tamén estará presente a deputada de Igualdade Sandra Bastos.
Este programa, que arrancou o pasado mes de marzo en Vigo co encontro "Unha provincia de poetas", con Tamara Andrés, Oriana Méndez, Silvia Penas e Marta Dacosta, está a percorrer a provincia e reivindica a palabra das escritoras do pasado da man de quince escritoras actuais a través de obradoiros, recitais e conversas. Mulleres de palabra(s) forma parte da programación do Ateneo Provincial pola Igualdade, cuxo obxectivo principal é a investigación e a divulgación artístico-cultural e científica con perspectiva de xénero,
Despois da cita da Guarda, Mulleres de palabra(s) continúa o próximo 22 de maio en Sanxenxo co encontro "Escribir para as máis novas", no que participarán Ledicia Costas, Fina Casalderrey e Eva Mejuto. En xuño terán lugar dous obradoiros: un en Pontevedra, de man de Diana López Varela, e outro na Lama, con Maritza Berttolini. E o último obradoiro volverá ser en Pontevedra, neste caso en setembro con Apiario, Dores Tembrás e Antía Otero. O primeiro ciclo "Mulleres de palabra(s)" rematará o 13 de outubro, Día das Escritoras, cunha conversa no Pazo provincial con Arantza Portabales, Susana Fortes e María Oruña.