A Deputación leva ata A Guarda este martes Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia
A proxección da película Rondallas terá lugar na Praza do Reló ás 21:00 horas
20/09/2026
A Deputación de Pontevedra continúa este martes 22 de setembro na Guarda con Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para público familiar que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro en dez concellos da provincia. Desta maneira, na Guarda poderá desfrutarse da proxección da película Rondallas na Praza do Reló ás 21:00 horas.
Despois de pasar por Forcarei, Tomiño, Fornelos de Montes e Covelo, o ciclo Cinema de Serán continuará o 25 de setembro en Poio con +Cuñados, o 26 en Cuntis e Salvaterra de Miño con Rondallas, e rematará no mes de outubro en Moraña, onde se proxectará Como entrenar a tu dragón o 3 de outubro, e en Mos, con Kung Fu Panda 4 o 4 de outubro.
Os concellos que forman parte desta primeira edición de Cinema de Serán puideron escoller de entre un pequeno catálogo que incluía filmes de produción galega ou rodadas na comunidade, así como títulos de animación estreados nos últimos anos. Con esta actividade, o obxectivo da Deputación é que o público desfrute dunha xornada de cinema en familia e coas amizades nunha pantalla de gran formato nas prazas do seu pobo ou espazos a cuberto se o tempo non acompaña, e con flocos de millo de balde para todos as persoas asistentes.