A Deputación continúa esta semana en Poio, Cuntis e Salvaterra de Miño coa programación de Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia

O venres ás 21:00 horas proxectarase +Cuñados na praza Alfredo Romay Besada de Poio. O sábado proxectarase Rondallas ás 21:30 horas na praza do Concello de Salvaterra de Miño e ás 21:00 na praza da Constitución de Cuntis

21/09/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta semana en Poio, Cuntis e Salvaterra de Miño con Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para público familiar que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro en dez concellos da provincia. Desta maneira, o venres ás 21:00 horas proxectarase +Cuñados na praza Alfredo Romay de Poio e o sábado Rondallas ás 20:30 horas na praza do Concello de Salvaterra de Miño e ás 21:00 na praza da Constitución de Cuntis.

Ademais de Poio, Cuntis e Salvaterra de Miño, Cinema de Serán percorreu xa os concellos de Forcarei, Tomiño, Fornelos de Montes, Covelo e, tralo seu paso, mañá mesmo, pola Guarda, rematará no mes de outubro en Moraña, onde se proxectará Como entrenar a tu dragón o 3 de outubro, e en Mos, con Kung Fu Panda 4 o 4 de outubro.

Os concellos que forman parte desta primeira edición de Cinema de Serán puideron escoller de entre un pequeno catálogo que incluía filmes de produción galega ou rodadas na comunidade, así como títulos de animación estreados nos últimos anos. Con esta actividade, o obxectivo da Deputación é que o público desfrute dunha xornada de cinema en familia e coas amizades nunha pantalla de gran formato nas prazas do seu pobo ou espazos a cuberto se o tempo non acompaña, e con flocos de millo de balde para todos as persoas asistentes.