A sede da Deputación en Vigo acolle este xoves o primeiro dos coloquios de A Movida Literaria, centrado na novela negra e social

Participarán Inma López Silva, Francisco Castro, María Xosé Porteiro, Pedro Feijoo e Rexina Vega; terá lugar ás 19:30 horas e a entrada será de balde

15/11/2023

Arranca a oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia. A primeira das iniciativas, un coloquio centrado na novela negra e social, enmarcado no ciclo A Movida Literaria, terá lugar este xoves 16 de novembro, ás 19:30 horas e con entrada de balde, e contará coa participación de escritoras e escritores coma Inma López Silva, Francisco Castro, María Xosé Porteiro, Pedro Feijoo e Rexina Vega.

O ciclo A Movida Literaria abrangue dous coloquios sobre literatura viguesa que serven ademais para celebrar os cinco anos do medio cultural de referencia de Vigo: A Movida. Ademais deste primeiro coloquio sobre novela negra, terá lugar outro, o mércores 29 de novembro, tamén ás 19:30 horas e con entrada de balde, centrado na literatura infantil e xuvenil en Galicia. Neste caso o coloquio estará protagonizado por escritoras e escritores coma Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban.

A vicepresidenta, Marta Fernández-Tapias, asegurou na presentación das propostas culturais da Deputación na súa Sede de Vigo que “o noso é recuperar o papel da cidade como referente cultural”. Neste eido, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, “sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

Ademais de A Movida Literaria, a Deputación de Pontevedra ten previstas outras dúas iniciativas a desenvolver na sede de Vigo ata finais de ano: “Ultraluz”, unha experiencia artística que lle dá vida á obra de Ledicia Costas, e unha combinación de literatura, poesía e música da man de Culturgal.  A primeira delas terá lugar na sede de Vigo da Deputación o 19 de decembro, ás 20:00 horas, e terá réplica en Pontevedra, o 20 de decembro no Museo Provincial.  Pola súa banda, a proposta da man de Culturgal terá lugar na sede de Eduardo Chao os días 23 e 24 de novembro en tres sesións ás 18:00, 19:00 e 20:00 h, na que participarán catro Premios Xerais, así como figuras coma Alba Garrido, Iria Morgade, Iolanda Zúñiga, Velpister, Catuxa, María Lado e Leilía, que se encargará do peche deste Culturgal estendido con motivo da súa xira de despedida Anque me vou non me vou.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.