A Deputación de Pontevedra retoma na súa sede de Vigo o ciclo A Movida Literaria cunha homenaxe ao Hematocrítico

O segundo coloquio literario deste programa, posposto pola repentina morte de Miguel López, O Hematocrítico, terá lugar o xoves 28 de decembro, ás 19:30 horas, e contará coa participación de María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban

20/12/2023

A Deputación de Pontevedra retoma o vindeiro xoves 28 de decembro, ás 19:30 horas, na súa sede de Vigo o ciclo A Movida Literaria cunha homenaxe ao Hematocrítico. Trátase do segundo coloquio literario deste programa, que ía ter lugar o pasado 27 de novembro e que foi posposto pola repentina morte de Miguel López, O Hematocrítico, e contará coa participación de María Reimóndez, Marcos Calveiro e Manuel Esteban.

Inicialmente estaba previsto que o segundo coloquio do ciclo A Movida Literaria se centrase na literatura infantil e xuvenil en Galicia, coa participación, entre outros escritores, da parella de Miguel López, Ledicia Costas. Deste xeito, sen deixar de poñer o foco na literatura infantil e xuvenil, a escritora María Reimóndez e os escritores Marcos Calveiro e Manuel Esteban, renderán o xoves 28 de decembro unha homenaxe ao Hematocrítico reconstruíndo o seu universo a través dos seus enxeñosos textos, nun sentido acto que servirá para pechar un “tróspido” 2023.

Con este segundo coloquio literario péchase a oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da Área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, deseñou para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia para os últimos meses do ano. Un programa que naceu coa vontade, en palabras da vicepresidenta, “de recuperar o papel da cidade como referente cultural, facendo valer a súa calidade artística e a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España”.

Ademais da Movida Literaria, a programación deseñada para a sede da Deputación en Vigo contemplou outras dúas iniciativas: a proposta de literatura, poesía e música da man de Culturgal, que tivo lugar a finais de novembro, e a experiencia artística Ultraluz que tivo lugar esta mesma semana.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.