A Deputación inicia en Bueu a xira de contacontos ilustrados e musicados sobre Begoña Caamaño que chegará a 35 concellos da provincia
“As letras de Begoña Caamaño” porá en valor a figura da xornalista e escritora homenaxeada neste 2026 pola Real Academia Galega
25/05/2026
A Deputación de Pontevedra inicia este mércores 27 de maio na Biblioteca Municipal de Bueu, ás 18:00 horas, a xira de contacontos ilustrados e musicados “As letras de Begoña Caamaño”. Trátase dunha iniciativa cultural que chegará a 35 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para poñer en valor a figura da xornalista e escritora homenaxeada neste 2026 pola Real Academia Galega.
O contacontos está dividido en tres partes, nas que se alternará a narración da biografía de Begoña Caamaño, a realización dunha ilustración e de distintas interpretacións musicais. A continuación xerarase un debate arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas deste ano e rematarase cun obradoiro no que todas e todos os asistentes realizarán unha caricatura da autora.
Begoña Caamaño desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde traballou nos servizos informativos e culturais e dirixiu programas como Andando a Terra ou Club Cultura, caracterizándose sempre por un xornalismo comprometido coa realidade social galega. Como escritora, acadou un gran recoñecemento con novelas como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Ademais da súa faceta literaria e xornalística, destacou polo seu compromiso co feminismo, coa defensa da lingua galega e coa participación en movementos sociais.