A Deputación participa en Córdoba no VIII Congreso Internacional de Calidade e Sostibilidade Turística

O organismo coñece de primeira man as novidades, directrices e boas prácticas vinculadas aos sistemas de calidade turística e reforza o seu papel como entidade responsable da xestión e o impulso da calidade turística no ámbito provincial

09/04/2026

A Deputación de Pontevedra está a participar en Córdoba no VIII Congreso Internacional de Calidade e Sostibilidade Turística que se estenderá ata o próximo domingo. No encontro, o organismo provincial está a coñecer de primeira man as novidades, directrices e boas prácticas vinculadas aos sistemas de calidade turística e a reforzar o seu papel como entidade responsable da xestión e o impulso da calidade turística no ámbito provincial.

A participación da Deputación de Pontevedra no Congreso Internacional de Calidade e Sostibilidade Turística consolida o compromiso da institución coa excelencia na atención turística, a profesionalización da Rede de oficinas Info RíasBaixas e a mellora continua dos estándares de calidade e sustentabilidade asociados á marca Turismo Rías Baixas. Neste eido, ata a data 162 empresas están certificadas coa Q de calidade na provincia e outras 54 coa S de Sostibilidade, o que sitúa a Pontevedra como a provincia galega con máis entidades con ambos selos. Ademais, 341 empresas e servizos turísticos da provincia recibiron o pasado mes de decembro a distinción do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino (SICTED), consolidando á provincia como referente nacional en calidade turística.

O VIII Congreso Internacional de Calidade e Sostibilidade Turística, organizado polo Instituto de Calidade Turística Española e a Sustentabilidade (ICTES), configúrase como un foro técnico de referencia a nivel estatal en materia de calidade e sustentabilidade turística, innovación e mellora continua aplicadas á xestión dos servizos turísticos. O encontro reúne a responsables públicos, entidades xestoras e profesionais do sector co obxectivo de compartir coñecementos, experiencias e boas prácticas, así como coñecer novas directrices, metodoloxías e ferramentas vinculadas á implantación, seguimento e consolidación dos sistemas de calidade turística.