Luis López celebra que a rede Info Rías Baixas bate o récord do número de adhesións, con 35 oficinas e puntos de información turística da provincia

A incorporación das oficinas de turismo de Catoira e Gondomar e do punto de información turística do Museo Ramón Aller de Lalín consolida o crecemento desta rede provincial

17/04/2026

Luis López celebra que a rede Info Rías Baixas bate o récord do número de adhesións, con 35 oficinas e puntos de información turística da provincia

Nunca ata a data houbo tantas oficinas e puntos de información turística adheridos á rede provincial Info Rías Baixas. Así o confirmou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, que comunicou que acaba de sumar tres novas incorporacións, Catoira, Gondomar e Lalín, que elevan a cifra de oficinas e puntos de información desta rede provincial a 35, ampliando a cobertura territorial para reforzar a atención ás persoas visitantes e revalidando a aposta do goberno provincial por un modelo de información turística coordinado, pola calidade e innovación turística.

“É unha cifra que non é só un número. – asegurou Luis López-. É a demostración dun modelo que funciona, porque formar parte da rede Info Rías Baixas supón moito máis que unha adhesión formal”. A Deputación de Pontevedra está aberta á incorporación de novas oficinas sempre que o soliciten e cumpran unha serie de características técnicas mínimas relacionadas coa infraestrutura e os servizos ofrecidos, así como co mantemento, a limpeza e a accesibilidade. A inclusión na rede ten numerosas vantaxes para as oficinas e puntos de información, como o acceso a ferramentas tecnolóxicas destinadas á xestión da información e análise de datos e o apoio técnico e metodolóxico para a prestación do servizo de información e, entre outras cuestións, para a obtención de distintivos de calidade turística como a Q. Ademais, formar parte da rede supón contar cunha imaxe e cultura corporativa común que traslada ás persoas visitantes unha imaxe unificada do destino e dá acceso ás axudas convocadas pola Deputación para a prestación do servizo de información turística ou aos proxectos de innovación e promoción do destino que lidera.

O presidente provincial explicou que, co obxectivo de reforzar a competitividade e mellorar a calidade do servizo de atención ao público, estas oficinas tamén forman parte da aposta do organismo provincial polo modelo de Destino Turístico Intelixente (DTI), integrándoas na gobernanza turística e favorecendo a xeración de sinerxías entre entidades públicas para avanzar na transformación do destino. Deste xeito, as oficinas e puntos de información turística da rede tamén contan cunha plataforma común para recoller e analizar datos estatísticos fundamentais para medir o impacto económico do turismo, deseñar estratexias de márketing, detectar necesidades en canto a infraestruturas e dotacións ou coñecer a experiencia das persoas que visitan a provincia de Pontevedra. “Criterio, planificación e calidade: é a receita de éxito de Rías Baixas”, asegurou.

A rede Info Rías Baixas avanzou das 28 oficinas coas que arrancou ás 35 da actualidade trala incorporación das oficinas de turismo de Catoira e Gondomar e do punto de información turística do Museo Ramón Aller de Lalín. Nestes momentos, forman parte da rede oficinas e puntos de información situados nos concellos de Baiona, Bueu, Cambados, Cangas de Morrazo, A Estrada, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Marín, Meaño, Moaña, Mondariz Balneario, As Neves, Nigrán, Oia, O Porriño, Poio, Ponteareas, Redondela, Ribadumia, Salvaterra do Miño, Silleda, Sanxenxo, Soutomaior, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

audios