A Deputación destina máis de 50.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas á construción dun pump track en Poio

Trátase do primeiro circuíto desta modalidade deportiva na vila. Será financiado ao 100 % pola institución provincial e instalarase nunha parcela próxima ao campo de fútbol da Seca

04/03/2024

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de 51.000 euros do Plan extraordinario de infraestruturas deportivas para o concello de Poio. Esta achega permitirá sufragar o 100 % do orzamento da construción do primeiro circuíto de pump track da vila, que se instalará en Reiboa, concretamente nunha parcela de case 500 metros cadrados localizada na contorna do campo de fútbol da Seca.

Con estes recursos o concello de Poio poderá contar cunha nova instalación deportiva, que, neste caso, englobará todos os deportes de inercia e estará destinada aos diferentes niveis de destreza das persoas usuarias. Desta maneira, búscase centralizar diferentes actividades deportivas e de ocio nun modelo deportivo en contacto co medio natural, o que supón un reclamo para a poboación. En concreto, o primeiro circuíto de pump track de Poio contará, entre outros elementos, cunha zona de rodadura, noiros e illas interiores.

O Plan extraordinario de infraestruturas deportivas está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar beneficiarse das súas axudas. Poio convértese no cuarto concello da provincia que se beneficia das achegas deste plan, despois de Pazos de Borbén, Barro e Redondela. Desta maneira, o Goberno provincial xa mobilizou un total de preto de 290.000 euros dos 4 millóns do orzamento total.