A Deputación mobilizará esta semana máis de 800 veciños de sete concellos da provincia coas saídas do programa +Convivencia
As persoas participantes visitarán enclaves da provincia como as illas Cíes, Ons, Sálvora, Tambo e Cortegada, a ría de Arousa ou o Pazo de Oca e o Pazo de Lourizán
10/09/2025
A Deputación de Pontevedra continúa esta semana as saídas programadas ao abeiro do programa provincial +Convivencia con novas actividades que mobilizarán un total de 831 persoas chegadas desde os concellos de Cangas do Morrazo, A Guarda, Ponteareas, Salceda de Caselas, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. A veciñanza que estes días participa no programa visitará o Pazo de Oca (A Estrada) e o Pazo de Lourizán (Pontevedra), as illas Cíes, Ons, Sálvora, Tambo e Cortegada, o Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), o conxunto histórico de Cuntis, Baiona e Vigo, así como realizará un paseo en barco pola ría de Arousa.
As saídas da semana do programa +Convivencia comezan este mércores, 10 de setembro, cun grupo de 34 persoas da Fundación Érguete-Integración, de Vigo, que realizarán unha excursión ás illas Cíes. Desde Vigo, o xoves 11 de setembro 66 usuarios da Asociación Doa Saúde Mental tamén visitarán ás illas Cíes e o venres 12 de setembro 20 participantes da Asociación APAMP realizarán un paseo en barco pola ría de Arousa. O sábado 13 de setembro terán lugar oito percorridos dos que tres serán levados a cabo por entidades de Vigo: a ANPA Emilia Pardo Bazán O Chouzo, cun grupo de 243 persoas que viaxarán ás illas Cíes; a Asociación de Veciños de Coruxo, con 55 participantes que farán unha visita á illa de Tambo; e a Asociación de Persoas Sordas, 75 usuarios realizarán unha excursión ás illas de Ons e Sálvora.
Tamén o sábado gozarán de actividades de +Convivencia a ANPA Colexio Público A Escardia (Vilagarcía de Arousa), cun grupo de 70 persoas que viaxarán á illa de Cortegada; a Asociación San Vicente de Paúl (Vilanova de Arousa), con 50 mulleres que realizarán unha visita a Baiona e Vigo; a Asociación de Mulleres Escola Vella do Hio (Cangas do Morrazo), con 54 usuarias que visitarán o Pazo de Oca (Moraña); a Asociación Cultural e Social Soutelo (Salceda de Caselas), con 55 persoas que descubrirán os segredos da illa de Ons; e a Asociación do Traxe Galego (A Guarda), con 54 participantes que coñecerán o conxunto histórico de Cuntis. As excursións da semana rematarán o domingo 14 de setembro, con 55 usuarios da Asociación Cultural Irmáns Barcia (Ponteareas) viaxando ao Santuario dos Milagres de Amil (Moraña), ao Pazo de Lourizán (Pontevedra) e a Marín.
+Convivencia, cun crédito de 275.000 euros (un 25% máis que na primeira edición) que xa está esgotado, está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. Neste ano, a Deputación ofertou un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas estaban abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.
A Deputación concedeu a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.