A Deputación acolle na Aula CeMIT en xuño un obradoiro formativo para mellorar as competencias dixitais

Aínda quedan prazas para asistir a esta actividade que se centrará na creación de contido con Intelixencia Artificial

17/05/2026

A Deputación de Pontevedra acolle durante o mes de xuño na Aula CeMIT un obradoiro presencial destinado a facilitar o uso das novas tecnoloxías no día a día. Nesta ocasión, o obradoiro, baixo o título “Crea contido con Intelixencia Artificial”, celebrarase do 1 ao 4 de xuño en horario de 10:00 a 13:00.

A acción formativa, de 12 horas de duración, permitirá aos asistentes aprender a empregar ferramentas de Intelixencia Artificial para xerar ideas orixinais, escribir textos, deseñar imaxes e crear vídeos profesionais en cuestión de minutos. A través do obradoiro achegaranse as pautas e claves para crear contido de calidade co apoio da IA. As persoas interesadas en asistir poden inscribirse ata o 28 de maio na web do CeMIT.

“Crea contido con Intelixencia Artificial” é totalmente gratuíto e desenvolverase na Aula CeMIT situada no Edificio Administrativo da Deputación na cidade de Pontevedra. A acción forma parte do programa YoConecto promovido pola Fundación Cibervoluntarios, con 15 prazas dispoñibles. Ao seu remate, as persoas participantes recibirán un certificado oficial.