Dakidarría ofrece este sábado un concerto en Catoira ao abeiro do programa Musigal

A actuación da banda, que está a conmemorar os seus 20 anos sobre os escenarios, terá lugar na alameda da praia fluvial no marco da 63ª Romaría Vikinga

03/08/2023

Este sábado 5 de agosto as persoas que se atopen en Catoira para asistir aos festexos da súa 63ª Romaría Vikinga poderán desfrutar dun concerto de Dakidarría ao abeiro do programa provincial “Musigal”. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra contribúe á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia para fomentar o uso e a normalización social da nosa lingua.

A actuación de Dakidarría enmárcase dentro do festival Vikinsons, que terá lugar na alameda da praia fluvial de Catoira a partir das 21:00 horas. Durante a xornada do sábado tamén actuarán as bandas Bloody Sunrise, Celtas Cortos e Lontreira, e o concerto financiado ao abeiro do “Musigal” comezará pouco antes da medianoite, a iso das 23:55 horas.

Dakidarría cumpre este 2023 20 anos sobre os escenarios e, para conmemoralo, a banda está percorrendo toda a xeografía estatal cunha xira conmemorativa que repasa o seu repertorio, deixando constancia de que a formación está en plena forma e conserva a súa ligazón co público. Algunhas das citas desta xira, así como o día a día dos integrantes do grupo, quedarán rexistradas nun documental. O último traballo discográfico de Dakidarría, ‘Colaxe’, publicouse en 2022.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.