Uxía Lambona e a Banda Molona chegan este martes ás Festas do Cristo de Cangas da man da Deputación

A actuación enmárcase no programa provincial “Musigal” e terá lugar ás 21 horas no recinto das festas, nas naves de Ojea

28/08/2023

Musigal - Uxia Lambona e a Banda Molona

Uxía Lambona e a Banda Molona ofrecerán este martes 29 de agosto un concerto para a rapazada no marco das Festas do Cristo de Cangas. A actuación inclúese no calendario de concertos financiados no “Musigal”, o programa cultural da Deputación de Pontevedra que busca contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia á vez que se promove a súa normalización e uso entre a cidadanía. O concerto terá lugar ás 21 horas no recinto das festas, situado nas naves de Ojea.

Esta banda de música infantil recolle no seu espectáculo Un soño é os clásicos populares galegos, aos que lles dá o seu estilo persoal, pasando por outros moitos temas tradicionais ou de creación propia, e sempre busca que a cativada sexa partícipe do que denominan un “des-concerto” cheo de bailes, xogos, coreografías e sorpresas.

Uxía Lambona e a Banda Molona comezaron a súa traxectoria en 2014. A banda está formada por Uxía (voz e animación), Pali (baixo), Ñoc (batería), Diego (gaita e frauta), Serghaño (guitarra) e Roscón (acordeón). O seu obxectivo en cada concerto é achegarlle á rapazada a música tradicional galega dun xeito atractivo, ao cambiar estilos musicais e letras, e tamén temas propios. Ata o momento publicaron tres álbums: Uxía Lambona e a Banda Molona (2015), A bailar coma tol@s (2017) e Astronauta sideral (2019).

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 21 resultados.