De Vacas levan o seu espectáculo ao Concello de Vilanova ao abeiro do programa provincial “Musigal”

A praza do Castro acollerá a actuación do grupo este sábado 12 de agosto ás 22:00 horas no marco da 29ª Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova

10/08/2023

Música e humor danse a man este sábado 12 de agosto no espectáculo que ofrecerá o grupo De Vacas en Vilanova de Arousa. O concerto, que comezará ás 22:00 horas na praza do Castro, enmárcase no programa provincial “Musigal”, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra con dous obxectivos: contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua. A actuación forma parte ademais da programación prevista polo Concello no marco da 29ª edición da Festa do Mexillón e do Berberecho de Vilanova.

De Vacas son Inés Salvado, Faia Díaz, Paula Romero e Guillerme Fernández, que no escenario mesturan voces e guitarra. ‘Rebovina 2023’ é o seu novo espectáculo, no que abren os seus diarios para botar a vista atrás cara á historia musical da súa infancia, cantar “en todos os idiomas do mundo”, bailar os éxitos das súas vidas e potenciar a teatralidade. Ás músicas e bases electrónicas súmanselle coreografías nas que o grupo convida o público a desfrutar da “fantasía vintage”. A formación foi recoñecida con varios premios como o Martín Códax da Música 2016 ou o Territorio Violeta Feira de Teatro de Castela e León 2018, ademais de ser finalista de novo nos Martín Códax na súa edición de 2020.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.