A Deputación abre o prazo para participar na terceira edición do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?
O certame, dirixido ao alumnado de Educación Primaria, Especial e por primeira vez Infantil, está aberto ata o 13 de marzo e os traballos deben abordar que significa para a rapazada a igualdade ou como imaxinan unha sociedade sen machismo
07/02/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o prazo para presentar traballos ao concurso escolar “E ti, que pensas da igualdade?”, unha iniciativa que promove por terceiro ano consecutivo a institución provincial co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. O certame busca incentivar entre a rapazada a creatividade e o pensamento crítico, ademais de sensibilizala na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de rexeitar a violencia de xénero. Os traballos poden presentarse ata o próximo 13 de marzo.
A convocatoria está dirixida ao alumnado de Educación Primaria, Especial e, por primeira vez, Infantil dos centros de ensino da provincia. O alumnado de Infantil poderá presentar debuxos a títulos individual, e colaxes ou cancións en grupos. O de primeiro ciclo de Primaria pode presentar debuxos, colaxes ou contos a título individual, e colaxes, pezas publicitarias, programas de radio ou cancións por grupos. O alumnado de segundo ciclo de Primaria pode participar con contos, bandas deseñadas, debuxos ou colaxes de forma individual, ou videopoesía, canción, peza publicitaria, pódcast ou programa de radio. O alumnado de terceiro ciclo de Primaria pode presentar bandas deseñadas ou viñetas a modo individual, ou videopoesías, cancións ou pezas publicitarias, pódcasts ou programas de radio por grupos. Por último, o alumnado de Educación Especial pode participar a título individual con debuxos, colaxes, viñetas ou contos, e por grupos con colaxes, videopoesías, cancións ou pezas publicitarias, pódcasts ou programas de radio.
Cada categoría está dotada dun primeiro, un segundo e un terceiro premio tanto grupais como individuais. Os premios grupais serán todos actividades educativas con perspectiva de xénero e agasallos individuais a cada compoñente do grupo, mentres que os individuais se distribúen do seguinte xeito: en Infantil, un xogo interactivo e un lote de material didáctico (1º premio), un xogo interactivo (2º premio) e un agasallo didáctico (3º premio); e en Primaria e Especial, unha tableta (1º premio), un reloxo intelixente (2º premio) e un agasallo didáctico (3º premio). Todos eles se entregarán nun acto público e deberanse achegar en formato PDF, JPG ou mediante ligazón de descarga ao correo electrónico participa.igualdade@depo.gal.
Cada obra deberá basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e o reto de acadar a igualdade de oportunidades de mulleres e homes real e efectiva. Valorarase, ademais, a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias. Preténdese que cada traballo sexa un altofalante dos pensamentos, demandas e denuncias do alumnado, que falen en primeira persoa a través das súas propostas e abordar o que significa para eles a igualdade, que mudarían ou como imaxinan unha sociedade libre de machismo.