A Deputación entrega no Centro Vacacional da Lanzada os premios do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?

Os deputados provinciais Paula Bouzós e Javier Tourís asistiron ao acto, rodeados de preto de 400 rapazas e rapaces de centros de ensino de 12 concellos da provincia

26/05/2026

A Deputación entrega no Centro Vacacional da Lanzada os premios do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?

A Deputación de Pontevedra entregou este martes no Centro Vacacional da Lanzada os premios da terceira edición do concurso escolar E ti, que pensas da igualdade?, unha iniciativa que promove a institución provincial co gallo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Asistiron ao acto de entrega os deputados provinciais Paula Bouzós e Javier Tourís, acompañados polo alumnado e o profesorado dos centros gañadores, chegados desde os concellos de Bueu, Marín, Meaño, Meis, Mos, Poio, Pontevedra, Silleda, Tui, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. O acto estivo conducido por Mar García Vendrell e rematou cunha actuación de Uxía Lambona e a Banda Molona.

A deputada de Igualdade, Paula Bouzós, lembrou que o certame busca incentivar entre a rapazada a creatividade e o pensamento crítico, ademais de sensibilizala na importancia de acadar a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e de rexeitar a violencia de xénero. “Tedes moito que dicir sobre un asunto no que temos unha débeda histórica, e agardamos que as vosas xeracións sexades quen de reparala”, sinalou a deputada, que asegurou que “a igualdade é un obxectivo prioritario e irrenunciable, e temos que frear as mensaxes que a mocidade recibe nas redes sociais para seguir perpetuando os estereotipos que queren mulleres sometidas”. Neste sentido, Bouzós sinalou que “as redes moldean a ollada da xuventude” e contrarrestouno co traballo do profesorado, “quen realmente vela pola seguridade e o benestar das nosas nenas e nenos, quen fai que saian das aulas cheos de valores positivos e necesarios”.

Na categoría de Educación Infantil, o primeiro premio individual de E ti, que pensas da igualade? (un xogo interactivo e un lote de material didáctico) foi para Xulia Rey Taboada, co CEIP Virxe do Rocío (Vigo), e o primeiro grupal para a Aula Santomé co CRA de Meis. O segundo premio individual (un xogo interactivo) foi para Alonso Mayáns Castro, do CEIP Virxe do Rocío (Vigo) e o grupal para o CEIP Plurilingüe de Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). O terceiro premio individual (un agasallo didáctico) foi para Leo Barbeiro Martínez, tamén do CEIP Virxe do Rocío (Vigo) e o grupal para a Aula Paradela do CRA de Meis.

Na categoría de 1º e 2º de Educación Primaria, o primeiro premio individual (unha tableta) foi para Daniel Mayáns Castro, do CEIP Virxe do Rocío (Vigo), e o primeiro grupal para o CEIP de Pazos de Reis (Tui). O segundo premio individual (un reloxo intelixente) gañouno Arleth Lara Rodríguez, do CEIP Virxe do Rocío, e o segundo grupal o CEIP Mestre Martínez Alonso (Mos). O terceiro premio individual (un agasallo didáctico) levouno Iago Pereira Losada, tamén do CEIP Virxe do Rocío (Vigo).

Na categoría de 3º e 4º de Educación Primaria, o primeiro premio individual (unha tableta) foi para Nuria Barreira Pérez, do CEIP da Torre de Cela (Bueu), e o grupal para o CEIP Isidora Riestra (Poio). O segundo premio individual (un reloxo intelixente) recaeu en Gael Radío Prieto, do CEIP de Coirón-Dena (Meaño), e o grupal para o CEIP Plurilingüe da Laxe (Marín). O terceiro premio individual (un agasallo didáctico) foi para David Rial Rodríguez, do CEIP Virxe do Rocío (Vigo).

Na categoría de 5º e 6º de Primaria, os afortunados que levaron o primeiro premio (unha tableta) foron Eloy Abal Castro, do CEIP Coirón-Dena (Meaño) na categoría individual, e o CEIP Ramón de Valenzuela (Silleda) na categoría grupal. Os segundos premios foron para Samuel Henao Uribe, do CEIP de Espedregada (Poio) na categoría individual (un reloxo intelixente) e o CEIP Plurilingüe Sestelo de Baión (Vilanova de Arousa) na grupal. Os terceiros premios concedéronselle a Enia Rodríguez Costas, do CEIP Coirón-Dena (Meaño), na categoría individual (un agasallo didáctico) e na grupal ao CEIP Carballal de Cabral (Vigo).

Por último, na categoría de Educación Especial os primeiros premios foron para Manuel Castro Márquez, do Sagrado Corazón dos Praceres (Pontevedra) na categoría individual (unha tableta) e para o CEE Pontevedra na grupal. Os segundos premios leváronos Sofía Rodríguez Alonso, do Sagrado Corazón dos Praceres (Pontevedra) na modalidade individual (un reloxo intelixente) e unha aula dese mesmo colexio na grupal. O terceiro premio recaeu nas dúas modalidades no CEE Pontevedra, no caso individual para Leticia Bello Mariño (un agasallo didáctico).

Ademais dos individuais, todos os premios grupais de todas as categorías consistiron nunha actividade educativa (valoradas en 1.000, 800 e 500 €, respectivamente) e un agasallo para cada compoñente do grupo. O alumnado podía presentar debuxos, colaxes, cancións, contos, pezas publicitarias, programas de radio, bandas deseñadas, videopoesías, pódcasts ou viñetas, segundo as categorías ou as modalidades individuais e grupais. Cada obra debía basearse no rexeitamento de todo tipo de violencia que se exerce sobre as mulleres e o reto de acadar unha igualdade de oportunidades real e efectiva. Valorouse a creatividade, a orixinalidade e as creacións propias, ademais de que os traballos fosen un altofalante dos pensamentos, demandas e denuncias do alumnado, que falasen en primeira persoa a través das súas propostas e abordasen o que significa para eles a igualdade, que mudarían ou como imaxinarían unha sociedade libre de machismo.

Galerias de imaxes