Máis de 100 persoas xubiladas da provincia comezan esta semana novos obradoiros de “Depo en marcha”

As actividades formativas deste programa co que a Deputación está a promover o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores na provincia comezan esta semana en 6 entidades do mesmo número de concellos

23/09/2023

Un total de 115 xubilados de 6 entidades doutros tantos concellos da provincia comezan esta semana novas accións formativas do programa provincial “Depo en marcha”. A través desta iniciativa, a Deputación de Pontevedra promove a participación e a creación de espazos de encontro e intercambio de experiencias para fomentar o envellecemento activo e a independencia das persoas maiores.

Desta maneira, o martes 26 de setembro comezan dous cursos novos. Unhas 16 persoas da Asociación Cultural Irmáns Barcia de Ponteareas comezará un obradoiro de pilates e outras 20 da Asociación de Mulleres Rurais Anduriña de Arcade (Soutomaior), un de restauración de mobles e tapicería. O xoves 28 será a quenda de 15 membros da Asociación de Veciños Raigame de Caldas de Reis, que participarán nun obradoiro de habilidades dixitais para o uso cotián.

Por último, o venres 29 darán inicio  tres novos cursos: 25 persoas da Asociación da Sétima Lista Robaleira de Bueu comezarán un de ioga, e 17 do Centro Cultural Deportivo e Social O Coto de Salceda de Caselas e 22 da Asociación de Veciños Santa Cristina de Vilaboa un sobre plantas medicinais.

Estas son algunhas das 130 accións que se ofertaron na actual edición de “Depo en marcha”, que beneficia a arredor de 3.000 persoas ao longo de todo o ano. A Deputación destina preto de 146.000 euros ao programa e os obradoiros enmárcanse nos seguintes apartados temáticos: Aprendendo da natureza, Móvete, activando corpo e mente, Enredando, Dálle marcha e En rede.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.