A Deputación de Pontevedra apoia a reedición do libro ‘As familias da conserva’ coa incorporación de catro novas sagas empresariais
A obra, de referencia no sector, dedica novos capítulos ás traxectorias empresariais de de Conservas Orbe, Ubago Group Mare, Ignacio González Montes e Lago Paganini
12/02/2026
A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este xoves a presentación da reedición do libro ‘As familias da conserva’, unha obra de referencia sobre a historia do sector conserveiro que amplía a publicación orixinal incorporando catro novas sagas empresariais. Un acto que contou cunha mesa-coloquio que, baixo o título ‘Novas sagas para unha historia compartida’, rememorou o pasado máis destacado dun sector fundamental para a provincia.
Na presentación participou a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, xunto coa conselleira do Mar, Marta Villaverde; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; o presidente de ANFACO-CYTMA e de Funpromar, Iván Alonso-Jáudenes; e o autor da ampliación da obra, o catedrático emérito de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago, Xoán Carmona.
Durante a súa intervención, Luisa Sánchez tivo un recordo especial para o finado Severino Escurís, a quen cualificou de “pioneiro” e “grande empresario”. A continuación, subliñou que “o sector conserveiro é parte esencial da identidade económica e social de Vigo e de toda a provincia de Pontevedra, ademais dun exemplo de como a industria vinculada ao mar foi capaz de xerar emprego, innovación e proxección internacional ao longo de máis dun século”.
Sánchez subliñou tamén o compromiso da institución provincial coa preservación e difusión do patrimonio industrial. “Coñecer a nosa historia é fundamental para fortalecer os sectores estratéxicos e construír o futuro”, asegurou.
A reedición incorpora catro novos capítulos dedicados ás traxectorias empresariais de Conservas Orbe, Ubago Group Mare, Ignacio González Montes e Lago Paganini, que reflicten distintas vías de desenvolvemento do sector: desde a expansión internacional á especialización produtiva, pasando polo emprendemento familiar ou a tradición salazoneira vinculada ás rías galegas.
A publicación foi impulsada por ANFACO-CYTMA, coa colaboración da Fundación Clúster de Conservación de Produtos do Mar (Funpromar), e contou co apoio da Deputación de Pontevedra, que reafirma así a súa aposta por iniciativas divulgativas que poñen en valor a historia industrial da provincia e o papel do mar como motor económico.
Segundo Luisa Sánchez, ‘As familias da conserva’ constitúe un testemuño do esforzo colectivo, da innovación empresarial e do arraigo territorial dun sector clave para a provincia de Pontevedra.
