A Deputación ultima as datas para visitar no Palacete das Mendoza a exposición "Figuras, paisaxes e soidade", de Gonzalo Varela
A mostra do artista pode visitarse ata o domingo 18 de xaneiro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas
14/01/2026
A Deputación de Pontevedra ultima as datas para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “Figuras, paisaxes e soidade”, de Gonzalo Varela. A mostra, protagonizada por debuxos, pinturas, figuras e retratos do artista, estará dispoñible ata o domingo 18 de xaneiro na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas.
A exposición de Gonzalo Varela contén debuxos, pinturas, figuras e retratos que nos levan a un mundo entresoñado que descobre a soidade do pintor e da xente. Hai nus masculinos e femininos con variadas poses e actitudes, e retratos de homes e mulleres de distintas idades, soas, de faces melancólicas e ás veces atormentadas. Tamén as figuras vestidas son solitarias, localizadas na cama ou na cafetaría dun hotel, debido a que o protagonista das súas obras é o ser humano nun espazo sen relacións. Personaxes xélidas, estáticas e detidas no tempo, que Gonzalo Varela crea con óleo, lapis acuarelable, plumilla ou nogalina dentro de paisaxes en distintos planos e cores frías.
Os horarios de visita da mostra “Figuras, paisaxes e soidade” no Palacete das Mendoza na súa última semana son os seguintes: de luns a venres de 8:00 a 20:00 horas, o sábado en horario partido de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas, e o domingo de 10:00 a 14:00 horas.