A Deputación lanza as axudas provinciais para financiar o servizo de información e atención ao público nas oficinas da rede Info Rías Baixas, por valor de 280.000 €

O presidente Luis López subliñou que se tratan de 20.000 € máis que o pasado ano, cando foron beneficiadas 29 oficinas turísticas da provincia

23/01/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases para a concesión das axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para financiar o servizo de información e atención ao público nas oficinas da rede Info Rías Baixas, por valor de 280.000 €. O presidente Luis López detallou que se tratan de 20.000 € máis que o pasado ano, cando foron beneficiadas 29 oficinas turísticas da provincia.

“Nunha semana especialmente significativa para o turismo, despois de estar en Fitur presentando “A túa meta, o teu destino”, avanzamos no impulso deste sector económico tan importante para a nosa provincia, promovendo a súa profesionalización e fomentando experiencias únicas entre os nosos visitantes”, asegurou o presidente da Deputación. Neste eido, López remarcou que con esta liña de axudas financiaranse ben os custos salariais das e dos empregados públicos que informan e atenden as oficinas da rede Info Rías Baixas, ben os gastos derivados da contratación da prestación do servizo.

En liñas xerais, destinaranse 14.000 € para financiar os custos derivados da posta a disposición de dúas persoas e 7.000 € se se trata dunha persoa. En calquera caso, o importe non poderá exceder do 75% do orzamento e os recursos poderanse solicitar durante un mes a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.