A Deputación publica a convocatoria e as bases dos procesos selectivos para cubrir as 21 prazas ofertadas no Consorcio provincial de Pontevedra contra incendios e salvamento
“Seguimos cumprindo co Consorcio”, remarcou o presidente Luis López quen recordou que “fomos quen de aprobar o primeiro convenio colectivo para mellorar as condicións laborais do persoal traballador; impulsamos a primeira relación de postos de traballo da entidade e agora publicamos xa a convocatoria e as bases para contratar a 21 persoas”
16/01/2026
A Deputación acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria e as bases dos procesos selectivos para cubrir as 21 prazas ofertadas no Consorcio Provincial de Pontevedra para a prestación do servizo contra incendios e salvamento. “Seguimos cumprindo co Consorcio”, remarcou o presidente Luis López quen recordou que “fomos quen de aprobar o primeiro convenio colectivo para mellorar as condicións laborais do persoal traballador; impulsamos a primeira relación de postos de traballo da entidade e agora publicamos xa a convocatoria e as bases para contratar a 21 persoas”.
Ao detalle, convócanse 19 prazas de persoal laboral fixo, entre as que se atopan 17 prazas de bombeiros de persoal laboral fixo da categoría C2 e outras dúas de xefes de parque da categoría C1. Pola súa banda, tamén se convocan dúas prazas de persoal funcionario entre as que se sitúa unha praza de técnico de relacións laborais e outra de administrativo.
A partir deste momento ábrese un prazo de 20 días hábiles para presentarse á convocatoria; a continuación, outro dun mes para ditar a resolución presidencial coa lista provisional de admitidos e excluídos; tras este mes, ábrese outro período de dez días para que as persoas excluídas poidan emendar erros; e xa finalmente, publicarase a lista definitiva de admitidos e excluídos que incluirá as datas dos primeiros exames. “Isto é o que podemos lograr cun marco de diálogo sereno, honesto e estable, polo que aproveito para, malia as lexítimas discrepancias de todas as partes, facer un chamamento e manter esta canle de entendemento. É o mellor para todos, porque é o que dá resultados”, asegurou o presidente.
