A Deputación lanza o produto turístico Baixo o ceo das Rías Baixas co obxectivo de posicionar a provincia como destino de referencia mundial en astroturismo

Este “pioneiro” produto turístico xorde ao abeiro dos tres eclipses solares que se poderán observar en condicións “inmellorables” desde a provincia no 2026, 2027 e 2028

16/01/2026

Xunta de Goberno

“Moito se está a falar do eclipse do 2026 e da situación privilexiada da nosa terra como o mellor lugar do mundo para observar o fenómeno - asegurou Luis López- pero, ata o de agora, non se tiña dado ningún paso para crear un produto concreto para posicionarnos no mundo”. “Somos pioneiros”, subliñou o presidente quen remarcou que “Baixo o ceo das Rías Baixas”, xurdido ao abeiro dos tres eclipses solares que se poderán observar en condicións “inmellorables” desde a provincia no 2026, 2027 e 2028, trátase dunha “proposta estruturada para converter o ceo da nosa provincia nun produto turístico estable que nos permita situarnos como destino de referencia mundial en astroturismo”.

Para artellar esta novidosa iniciativa, a Deputación de Pontevedra creará unha rede de puntos de observación dos eclipses solares que serán identificados polos 61 concellos da provincia. Nestes puntos organizaranse “quedadas de observación” que se concibirán como experiencias compartidas, divulgativas, accesibles e non especializadas, nas que se fomentará a asistencia tanto da veciñanza como de visitantes.  E, tal e como explicou o presidente, para que sexan totalmente seguras, distribuirase a través da Rede Info Rías Baixas un kit de observación dos eclipses, que consistirá en gafas homologadas e material divulgativo. Ademais, impulsarase unha campaña de promoción conxunta coordinada desde a Deputación para divulgar tanto o acontecemento como a rede provincial de puntos de observación.

“E todo, como non podía ser doutro xeito, convertendo aos concellos en axentes activos do produto. Eles serán os que identifiquen os puntos idóneos de observación que formarán parte da rede provincial e eles serán os protagonistas desta iniciativa pioneira”, remarcou Luis López sobre “Baixo o ceo das Rías Baixas”, unha iniciativa “aliñada coa Estratexia Rías Baixas 61, sostible e que contribúe á diversificación da oferta”.

Visitas virtuais ao Castelo de Soutomaior
A Deputación está tamén avanzando na posta en marcha dunha plataforma de visitas virtuais ao Castelo de Soutomaior e á súa ruta das camelias, cun investimento de máis de 61.000 € financiados cos fondos da Unión Europea NextGeneration. Nestes momentos, o organismo está traballando na posta en marcha dunha visita virtual libre e dun tour de benvida, coa realización dun estudo para o deseño do percorrido e para a dixitalización dos espazos que formarán parte da visita virtual e coa elaboración dos contidos da vista e do tour de benvida. Tamén, aproveitando a época de floración das camelias, estase avanzando na dixitalización dos recursos e na realización dos contidos que formarán parte da visita guiada automática á ruta das camelias do castelo.

videos

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.