Directoras e produtoras executivas reflexionan na Deputación sobre a corresponsabilidade como reto pendente na industria audiovisual

Directoras e produtoras como Paula Cons, Jaione Camborde, Gael Herrera e Adriana P. Villanueva participaron no debate no que apelaron á corresponsabilidade e esixiron máis reflexións e a creación dunha comisión de xestión

28/02/2023

Xornada Agapi

A Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación vén de organizar no Pazo provincial a mesa redonda “Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente”, moderada pola xerente de AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), Uxía Caride. No transcurso de encontro, que presentou a deputada de Igualdade, Victoria Alonso, a produtora executiva Gael Herrera e as produtoras e directoras Paula Cons, Jaione Camborda e Adriana P. Villanueva apelaron á corresponsabilidade e fixeron un chamamento para esixir máis reflexións e a creación dunha comisión de xestión para solucionar a problemática da conciliación. “Queremos –lembrou a deputada- reflexionar e formar arredor da corresponsabilidade e a posta en valor das mulleres do sector da produción audiovisual. É unha obriga, unha necesidade e algo que continuamente nos veñen demandando as profesionais que exercen nesta industria”. Neste aspecto, puxo o foco na situación das mulleres produtoras audiovisuais, “que seguen a ter dificultade para asumir postos de responsabilidade porque as cargas familiares seguen recaendo nelas” e remarcou que esta situación “está a xerar que moitas abandonen os seus cargos e continúe, deste xeito, a perpetuarse a desigualdade no sector”.

Precisamente por estes motivos, a produtora e directora Paula Cons defendeu que “non son as mulleres quen deben dar as respostas sobre a conciliación, senón que debería existir unha comisión de xestión que permita debater sobre as mellores solucións”. Neste eido Jaione Camborda tamén aportou o seu grao de area, asegurando que é “necesaria unha reflexión, tanto da sociedade en xeral como das administracións, sobre as formas de conciliación que permitan asumir a maternidade no mundo laboral”. E subliñou que “a conciliación non debe recaer só nas mulleres, senón que a sociedade tamén debe ser corresponsable”.

Tamén houbo lugar ás experiencias persoais en materia de conciliación, que Gael Herrera definiu como “ser unha artista de circo: levo a miña nena a todos os lugares”, e nomeou a tríade na que se basea a solución á conciliación actualmente: “o apoio das parellas do século XXI, o cable familiar e o pago de nannies”. Pola súa banda, Adriana P. Villanueva concluíu rotunda afirmando que “a conciliación real non existe porque é un problema non só do patriarcado senón tamén do sistema capitalista, non se pode estar a todo”.

Ademais, durante o coloquio puxéronse como exemplo cuestións como a recente experiencia na rodaxe do filme 'Cerdita', na que se ofreceu un servizo de atención ás crianzas para favorecer a conciliación. Tamén se afondou na multiplicidade de tarefas que deben asumir as mulleres, coa carga dos coidados e coa presión que a sociedade exerce para que poidan con todo. E finalmente o debate pechouse apelando a unha reflexión colectiva para que a sociedade asuma como natural que hai que repensar as políticas de conciliación.

Alumnado de Educación Secundaria coñecerá a situación das produtoras galegas

A Deputación e AGAPI tamén colaboran co roteiro ‘Elas, produtoras executivas. Unha iniciativa para o apoderamento feminino’, que percorrerá diversos centros de ensino secundario da provincia. Esta actividade, que xa se pode solicitar a través da sede electrónica da Deputación, busca dar visibilidade ás mulleres do sector audiovisual galego, pouco coñecidas en relación á fortaleza e recoñecemento dos que goza o sector, e en relación ao seu excelente nivel de desempeño en labores como a produción executiva ou a dirección.

O roteiro está dirixido ao alumnado de 4º da ESO por ser o curso inmediatamente anterior ao Bacharelato, etapa crucial na selección e dirección dos estudos do futuro, e busca aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. A actividade constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza na que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas, cun alto valor simbólico ao poder ser un referente para espertar vocacións entre a mocidade. E, ao remate, terá lugar un espazo de debate feminista, moderado pola xornalista Mónica V. Lopo, con algunhas das protagonistas do documental, que falarán sobre as súas experiencias, a súa traxectoria así como dos seus plans de futuro, como Paula Cons, Amalia Mato, Alba Prol, Silvia Fuentes, Mónica Hidalgo, Beli Martínez, Ruth Chao, Alba Gallego, Sofía Arangüena, Adriana P. Villanueva, Gael Herrera, Olaia Ledo, Chelo Loureiro, Laura Doval ou Nina Hernández.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.