A Deputación celebra esta semana dúas xornadas sobre conciliación na produción audiovisual e a saúde do sector cultural

Carmela Silva destaca a “boa acollida” que están tendo as dúas actividades que terán lugar en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC)

26/02/2023

A Deputación de Pontevedra será esta próxima semana o epicentro da igualdade e da cultura coa celebración de dúas xornadas no Pazo Provincial e no Castelo de Soutomaior. Unha proba máis, segundo Carmela Silva, de que a institución provincial é “unha gran referencia de promoción da cultura e a igualdade, pois traballamos conxuntamente en moitas actividades e en xornadas de reflexión coma esta”. Será o martes, 28 de febreiro, cando o Pazo Provincial acolla ás 19.00 horas unha xornada sobre a conciliación na produción audiovisual en colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI). O xoves, 2 de marzo a partir das 9.30 horas, terá lugar no Castelo de Soutomaior outra cita na que se reflexionará sobre a saúde do sector cultural da man da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Dúas actividades que, como destacou a presidenta están tendo “moi boa acollida, e para as que xa hai xa moita xente apuntada”.

A xornada “Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente” consistirá nunha mesa redonda no Pazo Provincial na que se analizará a conciliación das mulleres na produción audiovisual, abordando cuestións como as dificultades á hora de conciliar vida laboral e familiar, os retos que enfrontan as mulleres embarazadas para organizar a súa substitución, o papel que teñen no sector unha vez son nais, a multitarefa ou a necesidade de escoller entre coidados ou asumir unha carga extra poucas veces recoñecida. O debate, moderado por Uxía Caride, xerenta de AGAPI, contará coa participación da produtora e directora Paula Cons, a produtora executiva Gael Herrera, a produtora e directora Jaione Camborda e a produtora e directora Adriana P. Vilanueva.

Ademais, esta xornada complementarase cun roteiro por centros de Educación Secundaria para amosar ao alumnado de 4º da ESO a realidade sobre as produtoras executivas audiovisuais de Galicia. Ten por obxectivos aumentar o interese no feminismo, incrementar a conciencia crítica da xuventude, descubrir en que consiste a produción executiva e dar visibilidade ás produtoras executivas galegas. Constará da proxección do documental ‘Elas, produtoras executivas’, unha peza producida por AGAPI,  e un espazo de debate feminista con algunhas das protagonistas do documental, que falarán das súas experiencias, a súa traxectoria e os seus plans de futuro. Os debates estarán moderados pola xornalista Mónica V. Lopo e participarán mulleres como Paula Cons, Amalia Mato, Alba Prol, Silvia Fuentes, Mónica Hidalgo, Beli Martínez, Ruth Chao, Alba Gallego, Sofía Arangüena, Adriana P. Villanueva, Gael Herrera, Olaia Ledo, Chelo Loureiro, Laura Doval ou Nina Hernández.

“Coidar de nós para coidar da cultura”

A segunda das xornadas terá lugar o xoves 2 de marzo no Castelo de Soutomaior  baixo o nome Coidar de nós para coidar da cultura. Cara a uns modelos máis sustentables de traballo na xestión cultural” en colaboración coa Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC). Afondará na saúde do sistema cultural, co fin de poñer o foco en prácticas que axuden a protexer e coidar as traballadoras e traballadores desta industria para salvagardar o futuro da cultura. Nela reuniranse profesionais, entidades, empresas, xestoras e xestores, responsables das áreas de Cultura de entidades locais e programadoras e programadores culturais para sumar voces, experiencias, estratexias e recursos cos que facer do sector cultural un ecosistema con futuro. O programa, que se desenvolve desde as 9.30 horas ata as 18.00 horas, inclúe conversas, mesas de experiencias e incluso unha conferencia a cargo do director de escena e narrador oral Cándido Pazó.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.