Máis de 600 persoas participan estes días no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”

Veciños de Moraña, Cangas, Vilagarcía, Vigo, Pontevedra, Mos, Salceda, Catoira, A Estrada e Bueu participan en 12 saídas para coñecer lugares singulares da provincia entre o 14 e o 18 de agosto

14/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza os próximos días un total de doce novas saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Moraña, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Vigo, Pontevedra, Mos, Salceda de Caselas, Catoira, A Estrada e Bueu mobilizarán un total de 648 persoas (54 por entidade) para coñecer diversos enclaves da provincia como o mosteiro de Poio, o santuario da Franqueira na Cañiza, a ría de Arousa, as illas Cíes e Ons ou a fervenza do río Toxa, entre outros.

O luns 14 a Asociación de Veciños Desenvolvemento Rural de Albergueira de Moraña desprazarase a diferentes localidades do Condado-Paradanta. A ruta terá como paradas o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, o Centro de Interpretación da Ceraría (Favum) en Covelo e o Museo do Viño en Salvaterra de Miño.

Seis entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo” o martes 15 de agosto. A Asociación de Veciños do Igrexario do Hío A Fontenova en Cangas viaxarán ata Forcarei e Silleda, mentres que a Asociación de Veciños Nosa Terra de Alcabre de Vigo e a Asociación de Veciños de Faxilde de Vilagarcía desfrutarán dunha ruta por Poio onde visitarán a illa de Tambo ou Combarro. A ANPA do CEIP San Miguel de Marcón de Pontevedra participará nunha actividade nas illas Ons, mentres que a Asociación de Nais e Pais de Cela e Pereiras de Alumnos do CEIP Atín-Cela de Mos visitará as Illas Cíes. Por último, o Centro Cultural e Veciñal San Xorxe de Salceda de Caselas gozará dun paseo en barco pola ría de Arousa e dunha visita ao Museo da Salazón no Grove.

O mércores 16 de agosto dúas asociacións desfrutarán do itinerario polo mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro: a Asociación de Mulleres de Cabral Rosalía de Castro de Vigo e a Asociación de Veciños San Xurxo de Salceda de Caselas.

A Asociación de Amas de Casa Muíños do Vento de Catoira fará unha ruta durante o xoves 17 de agosto que transcorrerá polos concellos de Forcarei, para visitar o mosteiro de Aciveiro, e Silleda, onde pararán no mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, o castro de Toiriz e a fervenza do río Toxa.

Por último, o venres 18 de agosto terán lugar dúas saídas: a Asociación Rural de Amas de Casa de Arnois da Estrada viaxará a Cambados, mentres que o Club de Xubilados e Pensionistas Vila de Bueu desfrutará dunha xornada polos concellos de Barro, Portas e Valga.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e mais un xantar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 10 resultados.