Preto de 1.200 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salceda de Caselas, Vigo, Pontevedra, Crecente, Sanxenxo, Porriño, Tui, Cangas, Ponteareas, Bueu e Gondomar participan en 27 saídas para coñecer lugares singulares da provincia

20/09/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 27 saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares do territorio provincial. Entidades dos concellos da Estrada, Cerdedo-Cotobade, Salceda de Caselas, Vigo, Pontevedra, Crecente, Sanxenxo, Porriño, Tui, Cangas, Ponteareas, Bueu e Gondomar mobilizarán preto de 1.200 persoas para coñecer a ría de Arousa, A Illa de Ons e Cíes, o castro de Santa Trega (A Guarda) ou a Casa da Navegación de Baiona, entre outros.

Tras a saída dun grupo do Colexio Nosa Señora de Fátima, de Crecente, que percorreu onte a ría de Arousa, este mércores a Asociación Amencer-Aspace, de Pontevedra, visitará a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior e o Museo Meirande de Redondela. Ademais, nesta xornada, a Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple desprazarase ata as illas Cíes, mentres que a Fundación Tutelar Sálvora de Vigo visitará o conxunto histórico de Baiona, a Casa da Navegación e o paseo de Monte Boi e o marítimo.

O xoves 21 de setembro participarán no programa da Deputación dúas entidades. O Club de Pensionistas de Sanxenxo visitará o castro de Santa Trega, na Guarda, e o conxunto histórico de Tui, o monte Aloia e o Alto dos Cubos. Pola súa banda, a asociación Ategal de Vigo gozará dun paseo en barco pola ría de Arousa, actividade que tamén realizará o venres a Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual de Vigo (ASPAVI). Así mesmo durante esa xornada a Asociación de Xubilados de San Pedro de Cerdedo-Cotobade fará unha ruta por Salvaterra de Miño e Arbo, con paradas no conxunto histórico e parque da Canuda e no Centro de Interpretación do Viño e da Lamprea.

O sábado 23 de setembro intervirán nove entidades da provincia no programa “En ruta coa Depo”. A Asociación de Mulleres Rurais Avelina Valladares da Estrada visitará o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro, mentres que o Club de Xubilados e Pensionistas de Portonovo, de Sanxenxo, percorrerá diferentes puntos de Cangas e Bueu. Pola súa banda, a asociación Cultural e Social de Soutelo (Salceda de Caselas) e a Unión Musical de Coruxo farán unha ruta en barco ata as illas Cíes e Tambo, respectivamente; a Xunta de Montes en Man Común de Freixo en Crecente percorrerá a Ruta da Pedra e da Auga e o mosteiro da Armenteira; a Coral Centro Social de Tui e a Asociación de Veciños San Esteban de Oca pasearán en barco pola ría de Arousa e irán ata a Illa da Toxa e o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove; e a Asociación Cultural Mulleres Rurais San Xurxo de Vea da Estrada visitarán o porto de Santo Adrián de Cobres e o lago Castiñeiras, con parada nas Salinas do Ulló en Vilaboa.

O domingo 24 de setembro a asociación de persoas afectadas de cancro de mama e xinecolóxico ADICAM de Cangas e a Asociación de Mulleres Rurais Salceda de Caselas visitarán o mosteiro de Poio, a illa de Tambo e Combarro; a Asociación Veciñal Doutor Fleming e Asociación de Nenos con Hiperactividade e/ou Déficit de Atención (ANHIDA), ambas as dúas de Vigo, e a Asociación de Mulleres Rurais San Benito de Gondomar percorrerán A Illa de Ons; a Asociación de Maiores de Ponteareas realizará un itinerario por varios puntos de Lalín; e, por último, a Asociación Robaleira e a Asociación San Salvador de Ponteareas percorrerán as illas de San Simón e Cíes, respectivamente.

A través de “En ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra está a fomentar a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas, nas que, en total, este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100 % co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.