Máis de 900 persoas participan esta fin de semana no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”

Veciños de Vila de Cruces, A Estrada, Redondela, A Lama, Pontevedra, Lalín, Vigo, Mondariz, O Porriño, Oia e Ponte Caldelas participan en 17 saídas para coñecer lugares singulares da provincia

17/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana outras 17 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Vila de Cruces, A Estrada, Redondela, A Lama, Pontevedra, Lalín, Vigo, Mondariz, O Porriño, Oia e Ponte Caldelas mobilizarán un total de 918 persoas (54 por identidade) para coñecer diversos enclaves da provincia como os conxuntos históricos de Baiona e Cambados, a ría de Arousa, as illas de Ons, Cíes e Tambo ou os pendellos de Agolada.

Este sábado 19 de agosto sairán oito entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”. A Asociación de Mulleres Rurais de Loño de Vila de Cruces coñecerán en Baiona o conxunto histórico, a Casa da Navegación e os seus paseos principais, mentres que a Asociación de Mulleres Rurais de Tabeirós da Estrada fará unha ruta pola ría de Arousa (Illa da Toxa, degustación en barco e visita ao Museo da Salgadura do Grove). Desde Redondela sairán tres entidades: a Asociación de Mulleres Arela de Saxamonde fará o recorrido pola ría de Arousa, a ANPA do CEIP Igrexa de Chapela visitará a Illa de Ons e Portonovo, e a Asociación Cultural e Recreativa de Quintela percorrerá o concello de Cambados. Desde A Lama e Lalín sairán a Asociación de Veciños de Xende e Paradela e mais a Asociación de Mulleres en Igualdade de Donramiro para coñecer as illas Ons e Portonovo, e a Sociedade Cultural e Deportiva de Mourente (Pontevedra) visitará as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés (Vigo).

Nove entidades sairán co programa da Deputación o domingo 20 de agosto, catro delas da cidade de Vigo: a Asociación de Veciños de Beade visitará a Illa da Toxa e O Grove, o Centro Recreativo e Cultural de Cabral fará un percorrido polo Mosteiro de Poio, a Illa de Tambo e Combarro, a Asociación Veciñal Novo Vigo coñecerá o concello de Agolada e a Asociación de Veciños da Feira de Cabral desprazarase ata Cambados. Ademais, a Asociación de Veciños Pe de Mula de Mondariz fará unha ruta pola Ría de Arousa, e desde Oia sairá a Asociación de Mulleres Rurais para coñecer a illa de Tambo e Combarro, en Poio, o mesmo percorrido que fará a Sociedade Cultural Deportiva San Martín de Verducido (Pontevedra). A Asociación de Mulleres Rurais de Taboadelo (Ponte Caldelas) visitará as Illas Ons, e a Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán de Cangas coñecerá en profundidade recursos dos concellos da Cañiza, Covelo e Salvaterra de Miño como o santuario da Franqueira, o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e o Museo do Viño, respectivamente.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que, en total, este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.