A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Bueu cun espectáculo de ilusionismo baseado no Samaín
O espectáculo “En Samaín toca... maxia!” representarase a cargo da compañía Magia en la Manga na Biblioteca Torrente Ballester, situada no Parque do Ramal dos Galos, ás 18:30 horas
29/10/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 31 de outubro o circuíto +Escénicas ao Concello de Bueu da man dun espectáculo de ilusionismo baseado no Samaín a cargo da compañía Magia en la Manga. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"En Samaín toca... maxia!" representarase na Biblioteca Torrente Ballester, situada no Parque do Ramal dos Galos, a partir das 18:30 horas e está pensada para público familiar. Esta proposta ofrecerá aos espectadores a oportunidade de pasalo de medo con moito feitizo nun dos días máis misteriosos e máxicos do anos. Un espectáculo cheo de maxia sorprendente, divertida e pensada para a ocasión, cunha posta en escena acorde co tema destas datas e que fará da celebración de Samaín en Bueu un evento inesquecible.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
