A Deputación leva este venres o ciclo +Escénicas a Valga cun espectáculo sobre o aburrimento como xerme da creatividade
O espectáculo “A tarabela ambulante: Idea” representarase a cargo da compañía Tarabela Creativa no Auditorio de Cordeiro ás 19:00 horas
19/11/2025
A Deputación de Pontevedra leva este venres 21 de novembro o circuíto +Escénicas ao Concello de Valga da man dun espectáculo sobre o aburrimento como o xerme da creatividade a cargo da compañía Tarabela Creativa. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
"A tarabela ambulante: Idea" representarase no Auditorio de Cordeiro a partir das 19:00 horas e trátase dun espectáculo sobre o poder da imaxinación dirixido a público familiar e cativada a partir dos 4 anos. A montaxe teatral amosará ás e aos espectadores de Valga como o aburrimento, ao que se lle pecharon as portas na actualidade coa proliferación das pantallas e xogos electrónicos, é certamente un ben necesario para a educación dos nenos e das nenas. Para Tarabela Creativa, o aburrimento é o caldo de cultivo para a súa creatividade e para aprender a estar consigo mesmo como forza motora e social.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición ata marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
