A Deputación activa as engrenaxes para a xestión, desenvolvemento e execución do programa +Benestar 2026, dotado con 221.700 €
Beneficiaranse deste programa de termalismo social da Deputación 2.127 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia
26/09/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de activar as engrenaxes para a xestión, desenvolvemento e execución do programa +Benestar 2026, dotado con 221.700 euros. Trátase dunha iniciativa dirixida a persoas maiores, xubiladas e pensionistas que permitirá que 2.127 persas gocen de estancias en balnearios, talasos, spa ou instalacións da provincia de Pontevedra.
+Benestar é un programa encamiñado a fomentar o envellecemento activo, a participación e a cooperación social. "O noso obxectivo, con iniciativas como esta, é promover espazos de encontro e intercambio de experiencias que permitan fomentar a independencia dos nosos maiores e evitar o illamento e as situacións de soidade non desexada", asegurou o vicepresidente Rafa Domínguez.
En liñas xerais as estancias serán de 6 días e 5 noites en réxime de pensión completa e inclúen tamén unha oferta de actividades de animación sociocultural. A Deputación de Pontevedra cofinanciará o programa de tal xeito que subvencionará con 100 euros 2.097 prazas de réxime xeral e con 400 euros 30 prazas de réxime especial.
