A Deputación distribúe preto de 7.000 tapas desde o 1 de abril ao abeiro da campaña O Sabor das Rías Baixas, que está a percorrer a provincia con tres food trucks para divulgar as festas gastronómicas de interese turístico

Esta iniciativa provincial estivo a pasada semana nos concellos de Baiona, Covelo, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ribadumia, Redondela, O Rosal e Vilanova de Arousa

14/04/2026

A Deputación de Pontevedra distribúe preto de 7.000 tapas desde o 1 de abril ao abeiro da campaña O Sabor das Rías Baixas, que está a percorrer a provincia con tres food trucks para divulgar as festas gastronómicas de interese turístico. A iniciativa estivo a pasada semana nos concellos de Baiona, Covelo, Fornelos de Montes, A Illa de Arousa, Moraña, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ribadumia, Redondela, O Rosal e Vilanova de Arousa e desde a súa posta en marcha a principios do mes de marzo repartíronse preto de 48.000 tapas.

A Deputación de Pontevedra a través desta iniciativa conta cunha frota de tres vehículos que realizan tres rutas polo norte, o centro e o sur da provincia informando sobre a oferta das festas gastronómicas, promocionando e poñendo en valor a gastronomía pontevedresa, e promovendo unha xestión sostible dos recursos desde o punto de vista económico, ambiental e social. Ademais das degustacións inspiradas nos pratos típicos destes eventos, nas food trucks repártese material promocional onde se recollen as datas de celebración, os produtos gastronómicos de referencia cunha breve descrición, e mais o lugar exacto onde se celebra cada festa.

O Sabor das Rías Baixas é un paso adiante da Deputación para diversificar a oferta turística da provincia, co obxectivo de atraer turismo interno durante a temporada baixa, e para a descentralización das actividades levadas a cabo por Turismo Rías Baixas en todos os concellos. Este programa serve como ferramenta estratéxica para achegar ao público experiencias culinarias vinculadas á identidade cultural da provincia, para crear novas oportunidades de visita e consumo e tamén para favorecer a actividade económica local.

As festas promovidas son a Festa do Lacón con Grelos (Cuntis), a Festa do Caldo de Mourente (Pontevedra), a Festa Encontro-Degustación do Millo Corvo (Bueu), Festa da Ostra de Arcade (Soutomaior), a Festa do Requeixo e o Mel (A Neves), a Festa do Choco (Redondela), a Festa do Salmón (A Estrada), a Festa da Troita (Ponte Caldelas), a Festa do Galo de Curral (Vila de Cruces), a Festa da Langosta (A Guarda), a Festa da Vieira e Festa do Albariño (Cambados), a Feira do Viño do Rosal, a Festa do Carneiro ao Espeto (Moraña), a Romaría da Tortilla de Laro e a Festa da Empanada da Bandeira (Silleda), a Festa do Mexillón e o Berberecho (Vilanova de Arousa), a Festa-Feira do Xamón (A Cañiza), a Festa da Lamprea e a Festa da Lamprea Seca (Arbo), a Festa da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a Festa da Anguía e Mostra da Caña do País (Valga), a Festa do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a Festa do Marisco (O Grove) e a Feira do Cocido (Lalín).